Berlín alerta do "alto prezo" do veto húngaro e polaco aos fondos da UE

Budapest e Varsovia cumpriron na segunda feira a ameaza de bloqueo do orzamento comunitario e o fondo de recuperación pos-Covid pola vinculación do desembolso co respecto ao Estado de dereito e aos valores que defende a UE.
EuropaPress_2540698_handout_10_december_2019_belgium_brussels_german_minister_of_state_for
photo_camera A esquerda, Michael Roth, ministro alemán para Europa, nunha foto de arquivo (Foto: Unión Europea / dpa)

O Goberno alemán avisou hoxe a Hungría e a Polonia de que non é momento para "vetos" e instou a ambos os dous Estados membros da Unión Europea, que bloquearon a ratificación do orzamento comunitario e o fondo de recuperación pos-Covid, a asumiren a súa "responsabilidade" e a permitiren que as axudas de Bruxelas poidan chegar "o máis rápido posíbel".

Así se expresou Michael Roth (Partido Socialdemócrata, SPD), ministro para Europa de Alemaña ─país que ostenta a Presidencia de quenda da UE─, antes de participar no encontro do Consello de Asuntos Xerais, que reúne os responsábeis comunitarios dos 27 Estados membros. 

"Non hai escusas para máis atrasos. Pido a todos na UE que asuman as súas responsabilidades. Non é momento de vetos senón de actuar rápido e en espírito de solidariedade. A nosa xente pagaría un prezo moi alto polo bloqueo", asegurou.

Roth subliñou, en calquera caso, que o Goberno alemán seguirá "a traballar moi duro" no seu papel de Presidencia de quenda da UE "para superar os obstáculos políticos pendentes" coa intención de concluír estas negociacións "tan complicadas" canto antes.

"Chantaxe ideolóxica"

Berlín reaccionou desta maneira á decisión de Hungría e de Polonia de bloquear a ratificación do orzamento da UE para os próximos sete anos e o fondo de reconstrución de 750.000 millóns de euros.

En ambos os dous casos cómpre a unanimidade entre os socios comunitarios para a posta en marcha, mais Budapest e Varsovia cumpriron na segunda feira coa súa ameaza e bloquearon a ratificación.

Fixérono pola oposición ao mecanismo que a partir de 2021 vinculará o desembolso dos fondos co respecto ao Estado de dereito e aos valores que defende a UE. Consideran que este novo instrumento agocha unha "chantaxe ideolóxica" e aplica unha dobre vara de medir.

Comentarios