As explotacións agrogandeiras tan só percibiron 30% dos anticipos da PAC

Unións Agrarias responsabiliza a Xunta da baixa entrega dos adiantos.
Un home realiza traballos agrícolas en Abadín, na Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un home realiza traballos agrícolas en Abadín, na Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Unións Agrarias (UUAA) denunciou esta terza feira a "falta de eficacia" da Xunta da Galiza no control administrativo das axudas procedentes da Política Agraria Común (PAC), o que leva a que as explotacións agrogandeiras galegas "apenas percibirán 43 millóns de euros dos 130 millóns habilitados pola Unión Europea (UE) en calidade de anticipo".

O Estado español solicitou á Comisión Europea que se puidesen realizar adiantos das axudas da PAC de até 70% do importe, algo que o Executivo comunitario aceptou. Porén, os problemas derivados da demora da Xunta nos prazos impiden a adxudicación de toda a contía.

Neste contexto, UUAA censurou que o montante de anticipo da PAC dispoñíbel para a Galiza, segundo os datos que foron publicados polo Ministerio español de Agricultura, "apenas supera 30% dos ingresos que poderían ter as explotacións galegas nun momento no que atravesan circunstancias complexas polas caídas dos prezos do leite e o estancamento no prezo da carne".

O sindicato agrario lembrou que as autoridades comunitarias habilitaron que os Estados integrantes puideran achegar até 70% do total das axudas solicitadas coa condición de que se realicen os controis preceptivos sobre as solicitudes realizas. 

"Falta de eficiencia"

"Esas primeiras avaliacións deben partir das autonomías e, nese marco, a Galiza atópase claramente en desvantaxe pola falta de eficiencia no traballo realizado desde a Xunta", reprochou a organización.

UUAA destacou como "crucial" que as granxas manteñan un financiamento estábel e constante polo marco de incerteza económica que moitas atravesan, debido ao encarecemento dos custos de produción e ás baixadas do rendemento.

Comentarios