Análise

A Política Agraria Común 2023-2027, novidades nas axudas ás explotacións

Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O agro galego está entre os que menos dependen das subvencións europeas. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera O agro galego está entre os que menos dependen das subvencións europeas. (Infografía: Nós Diario)

En 2023 comezará a aplicarse a Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea (UE) 2023-2027. Imos resumir os cambios que traerá nas axudas ás explotacións, comezando con algunhas aclaracións previas.

Por que é relevante a PAC para o agro galego?

A PAC está integrada por tres compoñentes: regulación dos mercados, axudas directas e desenvolvemento rural. Os dous primeiros forman o "pilar 1", financiado integramente con diñeiro europeo (FEAGA); mentres que a política de desenvolvemento rural, "pilar 2", está co-financiada por fondos europeos (FEADER). Deste modo, a PAC xoga un triplo papel para o sector agrario e o medio rural de Galiza: i) establece os mecanismos de regulación dos mercados agrarios; ii) aporta un complemento á renda das explotacións; iii) financia investimentos no sector agrario e nas áreas rurais.

A distribución de competencias é moi diferente neses tres compoñentes da PAC. As decisións sobre a regulación dos mercados están centralizadas na UE, condicionada á súa vez polos acordos na Organización Mundial do Comercio (OMC). Mentres que para as axudas ás explotacións, partindo de normas comúns na UE, os Estados, no noso caso o Goberno español, teñen unha ampla marxe de manobra. E para a política de desenvolvemento rural o reparto de competencias no Estado Español fai que as principais decisións correspondan á Xunta de Galiza.

As axudas da PAC son un complemento relevante da renda das explotacións agrarias

A PAC 2023-2027: algunhas notas xerais

A definición da PAC 2023-2027 constitúe un proceso longo, complexo e aínda inacabado. A previsión inicial era que a nova PAC entrara en vigor en 2021, pero a demora na aprobación da normativa europea obrigou a retrasar iso a 2023, establecendo para 2021-2022 un período transitorio no que se seguen aplicando as normas da PAC anterior (2014-2020). A situación actual é que, publicados os regulamentos europeos (decembro de 2021), cada Estado presentou as súas propostas de aplicación (plasmadas no correspondente Plan Estratéxico da PAC), pero estes plans están aínda en negociación coa Comisión Europea. Para Galiza coñecemos o deseño das axudas ás explotacións e das medidas de desenvolvemento rural incluídas no Plan Estratéxico da PAC de España; pero o seu contido pode aínda experimentar cambios (e o demo moitas veces está nos detalles). Con esta reserva, imos resumir as novidades no segundo compoñente da PAC: as axudas ás explotacións. 

Principais novidades nas axudas ás explotacións

De entrada, hai que salientar que as axudas da PAC constitúen un complemento relevante da renda das explotacións agrarias en Galiza, pero en moita menor medida que noutros territorios do Estado e da UE. Contrariamente a unha visión estendida, o agro galego está entre os que menos dependen das subvencións europeas. Os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura sobre as contas económicas do sector (referidos a 2019) indican que as subvencións aportan aquí o 11,7% da renda agraria, porcentaxe que supón a metade da media española (21,2%), só supera entre as 17 Comunidades Autónomas a Canarias e está a enorme distancia das cifras por encima do 35% de Castela e León ou Estremadura. Isto pon de manifesto que a forma na que se foron configurando as axudas da PAC na UE e a súa aplicación en España foron claramente desfavorables para o agro galego.

Partindo desa situación, son catro as novidades principais que vai orixinar a PAC 2023-2027 nas axudas ás nosas explotacións:

—Os actuais Pagamento Básico e Pagamento Verde vanse refundir na nova Axuda Básica, o que implica que todas as explotacións, para cobrar esta e outras axudas da PAC, deberán cumprir novos requisitos ambientais ("condicionalidade reforzada").
—Para a aplicación da Axuda Básica en España establécese un novo mapa de 20 rexións, fronte ás 50 actuais, e seguirase avanzando na converxencia do pagamento por hectárea dentro que cada rexión (rexións delimitadas por usos da terra e comarcas).
—Incorpórase a axuda redistributiva, obrigatoria na normativa europea, destinada a reasignar fondos desde as grandes cara ás pequenas e medianas explotacións. Aínda que en España esa redistribución farase só dentro de cada unha das 20 "rexións PAC" e priorizando máis as medianas que as pequenas explotacións.
—A principal novidade: como mínimo, o 25% dos fondos deben destinarse aos novos eco-reximes, pagamentos ás explotacións que adopten prácticas beneficiosas para o medio ambiente.

O previsible é que este esquema dea como resultado o mantemento ou un lixeiro incremento do volume global de axudas das explotacións galegas, se ben cunha redistribución entre explotacións, orientacións produtivas e comarcas. Aínda que existen importantes incógnitas sobre o impacto das novas axudas, especialmente dos eco-reximes.

Comentarios