A escaseza da lamprea provoca subas do seu prezo, podendo chegar aos 60 euros

A Galiza ten os mellores niveis de conservación da península Ibérica.
A lamprea leva habitando nos ríos da Galiza desde hai máis de 500 millóns de anos, moito antes da existencia da especie humana (Foto: Nós Diario).
photo_camera A lamprea leva habitando nos ríos da Galiza desde hai máis de 500 millóns de anos, moito antes da existencia da especie humana (Foto: Nós Diario).

Un ano máis deu comezo a tempada de lamprea na Galiza. Deste modo, as primeiras capturas desta especie están chegando ao mercado, no que están alcanzando valores de entre 50 e 60 euros por peza, en contraste co prezo medio de 35 euros que alcanzaron durante o ano 2022. A tempada atópase aberta no río Ulla, onde o 5 de xaneiro pescaron as primeiras pezas do animal. 

No caso do río Tea, o período de solicitudes para pescar este 2023 comezou hai dúas xornadas. O próximo 10 de febreiro procederase ao sorteo das licenzas, mentres que tres días despois, o día 13, comezará a campaña, que se estenderá até o 28 de maio. Pola súa parte, na mesma xornada abriuse o prazo de solicitudes no Ulla, neste caso para a tempada de 2024. As pescarías do Miño comezarán a mediados de febreiro a tempada. 

As pescarías do río Tambre tamén teñen unha grande importancia histórica na pesca da lamprea. Porén, as novas desta zona céntranse agora na anguía, pois a Xunta fixou a nova tempada de pesca desta especie na desembocadura do Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro.

O tamaño mínimo das anguías capturadas no Tambre terá que ser de 20 centímetros, mentres que a única arte de pesca permitida será a 'nasa-voitirón' e a cota de capturas fixarase nun máximo de 1.000 quilos. 

Unha especie milenaria

Tamén chamada a raíña do río ou a vampiresa da auga, a lamprea leva habitando nos ríos da Galiza desde hai máis de 500 millóns de anos, moito antes da existencia da especie humana e mesmo desde antes de que existisen os dinosauros. 

A lamprea é unha das primeiras especies de animais invertebrados das que se ten constancia na Terra. Co seu corpo alongado e a súa boca repleta de dentes, leva alimentando incontábeis xeracións de galegas e galegos.  

O noroeste da península, onde sobrevive a especie

O incremento dos prezos da lamprea vén motivado pola escaseza de produto que está a vivir nas principais pescarías galegas da especie. O doutor en Bioloxía e especialista en Conservación da Biodiversidade, Pedro Romero, explica a Nós Diario que "a lamprea na Galiza está caracterizada no libro de especies ameazadas como vulnerábel, o que quere dicir que entra na categoría de especies en perigo, polo que non está nunha situación óptima".

O biólogo resalta que "o decrecemento de individuos desta especie está moi influenciado pola importante existencia de encoros nos ríos galegos". Así, sinala que "ao ser unha especie que pasa parte da súa vida no río e parte no mar, o feito de imporlle barreiras hidrográficas que impiden o paso do curso fluvial ao mar, así como o de que non existan pasos adaptados nos encoros para estas especies, altera a contorna ecolóxica da especie afectando o tamaño das poboacións e o seu estado". 

"Nun ciclo tan complexo no que pasa parte da vida no río e parte no mar calquera cambio lle pode afectar", acrecenta o biólogo. "A especie desapareceu de todo o sur da península Ibérica, quedando tan só no norte", explica. Porén, Romero afirma que "tan só existen bos tamaños das poboacións no noroeste, especialmente na Galiza".

"Non creo que haxa que prohibir a pesca da lamprea na Galiza"

Pedro Romero afirma que non cre que haxa que prohibir a pesca da lamprea no país, "unha actividade que na Galiza se fai de modo tradicional e sostíbel". Porén, di, "si hai que controlar as poboacións e no momento no que se atopen baixadas importantes estabelecer paros biolóxicos". Ademais, conclúe, "é preciso involucrar o sector pesqueiro en programas de recuperación, con soltas de individuos e proxectos de acuicultura que conten coas universidades".

Comentarios