As eléctricas obtiveron dos ríos galegos ingresos de 296 millóns de euros en 2022

A Galiza produciu 1.298.670 megawatts á hora de electricidade de orixe hidráulica durante o primeiro trimestre. A produción xerou uns ingresos moi importantes para as compañías titulares dos encoros. Iberdrola, Endesa e Naturgy son propietarias de 81,6% da potencia hidroeléctrica instalada no territorio.
Encoro da empresa Naturgy en Velle, Ourense. (Foto: Nicole)
photo_camera Encoro da empresa Naturgy en Velle, Ourense. (Foto: Nicole)

As eléctricas obtiveron dos encoros galegos ingresos por 296 millóns de euros entre xaneiro e marzo de 2022. Segundo os últimos datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE), referidos ao primeiro trimestre deste ano, a produción total de electricidade mediante a tecnoloxía hidráulica situouse na Galiza en 1.298.670 megawatts á hora.

Ao tempo, o prezo medio da electricidade no mercado grosista nese período colocouse en 228,3 euros megawatt/hora, tras marcar 201,7 euros megawatt/hora no mes de xaneiro, 200,2 euros megawatt/hora en febreiro e 283 euros o megawatt/hora en marzo.

Suba de prezos e caída de produción

Os resultados logrados polas enerxéticas producíronse nun contexto de suba de prezos e de baixa da produción e do consumo. Así, o prezo da electricidade incrementouse en 411,36% en relación ao primeiro trimestre de 2021, cando rexistrou no mercado grosista un prezo medio de 44,7 euros o megawatt/hora. Asemade, a produción de orixe hidráulica entre xaneiro e marzo de 2022 caeu fronte ao mesmo período do ano pasado en 68,5%, marcando naquel momento 4.002.637 megawatts.

Fernando Branco Parga, integrante do colectivo de debate enerxético Bidán, destaca a Nós Diario que “con respecto ao mesmo trimestre de 2021, a baixada na xeración renovábel é de 46%, fundamentalmente por unha caída moi grande na xeración hidráulica, e tamén pola baixada, en menor medida, da eólica”, mais “a xeración eléctrica só con tecnoloxías renovábeis supera o consumo galego, representando a xeración renovábel 70% e a xeración non renovábel 30%”.

Parga significa a “gran baixada do consumo eléctrico, con referencia ao mesmo trimestre de 2021, nunha porcentaxe de 21,1%”, e sinala que, “ademais da redución no consumo doméstico e industrial polos altos prezos, unha caída tan significativa do consumo débese á paralización das cubas de Alcoa na Mariña”.

A Galiza é chave na conta de resultados das empresas enerxéticas. Así, en 2021, ingresaron dos encoros galegos 856 millóns de euros, tras rexistrase unha produción pola orixe hidráulica de 7.689.622 de megawatts á hora, cuxo prezo medio anual no mercado grosista situouse en 111,4 euros megawatt/hora. Neste sentido, as propias compañías cualificaron os resultados de históricos, pola alta xeración de electricidade en relación con outros exercicios e polo incremento dos prezos da enerxía, cuxa alza se inicia nesa anualidade.

A facturación das compañías eléctricas nos ríos galegos entre 2011 e 2020 estivo por enriba de 4.000 millóns de euros. Segundo un traballo elaborado polo colectivo Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”.

O país é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (dependente do Estado), mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa (dependente da Xunta).

Empresas madrileñas

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza.

A primeira, con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid. A terceira, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros.

Un negocio 'redondo'

A hidráulica é unha das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera. Se nos últimos anos pasaba por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achegaba, cunhas ganancias situadas entre 500% e 1.000%, a alza do prezo da luz anuncia beneficios históricos para este ano.

Comentarios