O drama no sector lácteo galego continúa: Galiza, onde máis leite se produce e onde menos se paga

Galiza entrou en 2023 baixando da barreira dos 6.000 produtores e continúa en descenso. Con todo, supoñen 56,5% do total de máis de 10.000 gandeiros lácteos no Estado español.
Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O prezo medio do litro de leite que se paga a gandeiros na Galiza afundiuse até os 49 céntimos en agosto -2,3 céntimos menos que os 51,3 céntimos de xullo-, de forma que por primeira vez baixa dos 50 céntimos desde setembro de 2022, segundo datos do Ministerio de Agricultura.

Deste modo, o prezo do leite na Galiza afástase da media estatal, de 51,8 céntimos. O feito é que segue á cola do Estado, mais agora está 2,8 céntimos por baixo da media do Estado, cando o mes anterior a fenda era de 1,7 céntimos.

De feito, Galiza é o único territorio por baixo dos 50 céntimos. Contrasta con que en Asturias páganse 54,3 céntimos por litro de media.

Esta caída é aínda máis acusada no que vai de 2023 se se ten en conta que a comezos de ano marcábanse cifras récord por litro, até os 58,9 céntimos chegou a elevarse en febreiro.

Perda de produtores

Pola súa parte, prosegue a continua caída de produtores galegos que realizan entregas, 5.792 en agosto, o que supón 32 menos que o mes anterior.

Galiza entrou en 2023 baixando da barreira dos 6.000 produtores e continúa en descenso. Con todo, supoñen 56,5% do total de máis de 10.000 gandeiros lácteos no Estado español.

A produción láctea descendeu a 251.805 toneladas en agosto, case 8.000 toneladas menos que en xullo. No acumulado dos oito primeiros meses do ano, a produción galega supón 41% do total do Estado. 66% das entregas fixéronse no propio territorio galego e o 34% restante levaron fóra do país.

Comentarios