Produtores lácteos galegos acusan a Xunta e o Estado de "abandono" e non descartan organizar protestas

Gandeiros lanzan críticas tanto ao Goberno galego como ao español por "abandonar os produtores á súa sorte para as sucesivas renovacións de contratos".
Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Produtores lácteos acusan a industria e as cadeas de distribución de "provocar o fechamento de granxas" e con iso pór "en risco" a subministración dun ben de primeira necesidade.

Afírmano ao denunciar que desde xaneiro baixou 20% o que perciben os gandeiros en orixe polo leite, á vez que "nos supermercados segue ao mesmo prezo".

Neste contexto, a asociación Agromuralla non descarta mobilizacións "se a Xunta e o Ministerio non actúan", advirte nun comunicado de prensa.

Gandeiros deste colectivo aseguran que as explotacións de leite "volven estar coa auga ao pescozo" despois dunha nova baixada en setembro.

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, avisa ademais de que os custos de produción "seguen altos", co gasóleo de novo "en máximos históricos", como as forraxes. "A cousa empeza a complicarse e os números empeza a apertarse outra vez", evidencia.

Neste sentido, incide en que ven necesario "producir máis para gañar o mesmo", o que "obriga a facer investimentos e vivir permanentemente endebedados".

"Abandonados"

Así, lanzan críticas tanto ao Goberno galego como ao español por "abandonar os produtores á súa sorte para as sucesivas renovacións de contratos".

Da Xunta, censuran que "segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo".

Mentres, a AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios), dependente do ministerio, "mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, no canto de actuar de oficio, como sería a súa obrigación", a xuízo de Agromuralla.

Comentarios