Os donos de Zendal pasan de negociar pola Sputnik a temer polos insecticidas

Os negocios de Pedro Fernández, presidente de Zendal e accionista de Zelnova Zeltia, pendentes do conflito entre Rusia e Ucraína.
O presidente do Grupo Zendal e accionista de Zelnova Zeltia, Pedro Fernández Puentes, nun evento corporativo (Foto: grupo Zendal).
photo_camera O presidente do Grupo Zendal e accionista de Zelnova Zeltia, Pedro Fernández Puentes, nun evento corporativo (Foto: grupo Zendal).

A escalada das tensións entre Rusia e Ucraína poden pasar factura ás empresas galegas, que se están a xogar algo máis de 200 millóns de euros en exportacións. Xunto ao téxtil, liderado por Inditex, que ten no ruso o seu segundo mercado fóra do Estado español, nas estatísticas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, destaca outro sector que non as adoita protagonizar: o dos insecticidas.

Entre os dous Estados en conflito, as exportacións galegas de insecticidas suman entre xaneiro e novembro de 2021 un valor de 43,7 millóns de euros (28,2 millóns a Rusia e 15,5 a Ucraína), o que supón algo máis da quinta parte do valor total dos bens exportados.

E se hai unha firma que destaque no sector, esa é Zelnova Zeltia, que comercializa, entre outras, as marcas Kill-Paff, ZZ, Casa Jardín ou Hechicera, ás que o pasado ano sumou tamén Toke, ao facerse co negocio do líder de produtos para o fogar.

Os obxectivos desta empresa son ambiciosos e pasan por aumentar a súa facturación internacional para que represente 70% das vendas totais ─para o que contan co músculo da súa filial italiana Copyr─, fronte a algo máis de 50% actual. Ademais, en 2024 prevén superar a barreira dos 100 millóns de euros de facturación.

A derradeira filial galega 

O insecticida DDT, que se comercializa baixo a marca ZZ, é unha das principais innovacións xurdidas na Galiza da man da firma Zeltia, agora reconvertida en Pharmamar. De aí que Zelnova Zeltia comparta apelido con esta e teña a súa sede no Porriño, onde tamén se asenta o grupo Zendal.

Detrás desta maraña empresarial tamén hai unha familiar na que emerxe o nome de Pedro Fernández Puentes, presidente do grupo Zendal e accionista e vicepresidente de Pharmamar, da que controla 4,5% do capital.

Curmán de José María Fernández da Sousa Faro, presidente de Pharmamar, Pedro Fernández aproveitou o proceso de venda de filiais iniciado pola herdeira de Zeltia para adquirir en 2019 a súa derradeira filial galega, Zelnova Zeltia, por 33,4 millóns de euros. A operación levouse a cabo a través das sociedades Allentia Invest e Safoles, controladas polo empresario, mais desligadas do grupo Zendal.

A vacina rusa

O grupo Zendal, como recoñecen os seus administradores, adquiriu unha gran dimensión mediática ao se converter na única firma española con capacidade para fabricar un antíxeno para vacinas, destacando o contrato con Novavax e o contrato de reserva de capacidade para o envasado de vacinas da Coalition for Epidemic Preparedness  Innovations (CEPI).

Nesta liña, Fernández Puentes reestruturou a sociedade e converteu Zendal Health na cabeceira do holding. Tamén acometeu investimentos millonarios na Galiza e Portugal para aumentar a súa capacidade de produción, un aumento que motivou que o seu nome soara para producir a vacina rusa Sputnik V contra a Covid, pero a declaración de intencións das autoridades rusas de momento non logrou pasar do papel á realidade.

Comentarios