Zendal convértese en centro de referencia para a vacina da Covid-19

O grupo galego vén de asinar un acordo con CEPI que aumentará a súa capacidade de fabricación de vacinas da Covid-19 até 500 millóns de doses.
Sede de Zendal en O Porriño (Foto: Zendal)
photo_camera Sede de Zendal en O Porriño (Foto: Zendal)

Após ser elixido por Novavax para a produción da súa vacina da Covid-19 na Unión Europea, o grupo biofarmacéutico Zendal, con sede no Porriño, vén de marcar un novo fito coa súa designación como instalación estratéxica pola Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias (CEPI) a nivel internacional.

O grupo galego súmase así a unha alianza que persegue a produción de dous mil millóns de doses da vacina para finais de 2021, e que serán distribuídas a través do Fondo Covax, que busca garantir un acceso equitativo ás mesmas por parte dos países participantes. 

Segundo destaca a compañía nun comunicado, para Zendal é o segundo gran paso dentro do traballo que desenvolve na loita contra o SARS-COV-2, xa que, tal e como anunciou o mes pasado, será a encargada de fabricar o antíxeno da vacina da multinacional americana Novavax para a Unión Europea, sendo até o momento a única firma do Estado español autorizada para a elaboración dunha vacina contra o coronavirus.

Ao amparo deste acordo, Zendal, a través da súa filial  Biofabri, reservará a capacidade de fabricación (fase de enchido e acabado) das vacinas Covid-19 que designe a CEPI até maio de 2022. Estímase que a capacidade podería superar os 500 millóns de doses de vacina coa opción de ampliar esta reserva.

Recoñecemento ao traballo de varios anos

Para Andrés Fernández, director executivo de Zendal, este acordo coa coalición liderada por  CEPI "pon de relevo que somos moitos os actores implicados e necesarios na loita contra a pandemia. Así mesmo, reforza a posición de Zendal como grupo biotecnolóxico preparado e con capacidade para desenvolver o proceso integral de produción dunha vacina, desde a súa propia fabricación, até o envasado e acondicionamento para a súa posta final no mercado". 

"Para nós, este e outros proxectos relacionados coa Covid-19 nos que estamos involucrados, supoñen un apoio ao traballo realizado polo noso equipo durante moitos anos no campo da biotecnoloxía e das vacinas", resalta o directivo.

Zendal, unha firma galega, aumenta deste modo a súa proxección e o seu prestixio internacional como referente na loita contra o coronavirus.

Comentarios