O crecemento económico estáncase na Galiza no segundo trimestre deste ano

O crecemento do PIB fica en 0,1% respecto dos tres meses anteriores.
O consumo dos fogares galegos caeu 0,5% no segundo trimestre de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O consumo dos fogares galegos caeu 0,5% no segundo trimestre de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A economía galega estancouse no segundo trimestre de 2023, ao anotar un incremento do Produto Interior Bruto (PIB) de 0,1% con respecto ao rexistro dos tres primeiros meses do ano, segundo os datos publicados esta sexa feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) na súa revisión relativa ás contas económicas trimestrais da Galiza.

Desta maneira, o crecemento económico do país ficou practicamente en cero despois de marcar unha suba de 1,1% no primeiro trimestre do ano. Con respecto ao mesmo período do ano anterior, o PIB da Galiza creceu 1,5%, xustamente a metade do aumento interanual rexistrado entre os meses de xaneiro e marzo, que alcanzou 3%.

Respecto aos compoñentes do PIB desde o punto de vista da demanda, o gasto en consumo final aumentou 0,5% tanto con respecto ao primeiro trimestre como en termos interanuais. O consumo das Administracións públicas liderou a suba de gasto, coincidindo cos ciclos electorais municipais e estatais, aumentando 1,5% con respecto ao trimestre anterior e 3,4% na comparanza co mesmo período do ano anterior. Ademais, a formación bruta de capital creceu 0,5% trimestral e 2,4% interanual.

Especialmente salientábel e o caso do gasto dos fogares, que a pesar de aumentar 0,2% con respecto ao primeiro trimestre, anotou unha caída interanual de 0,5%. Tamén os descensos da influencia no PIB das importacións (-1,1%) e das exportacións (-1,7%) de bens e servizos en termos trimestrais. Nas compras do exterior a baixada foi de 0,7% en termos interanuais, mentres o efecto sobre a demanda das compras noutros territorios aumentou 0,4% con respecto ao segundo trimestre do ano 2022.

No que respecta á estrutura do PIB desde o punto de vista da oferta, a construción creceu 3,6% con respecto ao mesmo período de 2022, a industria 1,8% e os servizos 1,4%, cun maior incremento no apartado de actividades artísticas, recreativas e outros servizos, de 4,4%.

Os datos de contabilidade trimestral mostran que o emprego, en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, creceu no segundo trimestre do ano 1,9% en termos interanuais, cun incremento de 19.349 postos. Por ramas de actividade, o emprego medrou 5,6% no sector primario, 2,1% na construción e 1,6% tanto no sector da industria como no caso do sector servizos.

Unha tendencia negativa e peor que a do Estado

"As previsións de crecemento do IGE para o conxunto deste 2023 non eran nada optimistas: caeriamos á metade desde 3,6% en 2022 a 1,7 % en 2023. E o certo é que os datos para o segundo trimestre confirman, e é unha mágoa, a previsión, porque de medrar aínda 3 % no primeiro pasamos a facelo 1,5% no segundo", sinala a Nós Diario o membro de Economía e Administración de Negocios para a Sociedade (Ecobas) e do Consello Científico da Asociación pola Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Ciudadana (Attac), Albino Prada.

"Esta tendencia á desaceleración tamén se anota para o conxunto do Estado mais os datos nos dous trimestres son peores na Galiza, pois a nivel estatal medrouse 4,2% no primeiro e 1,8% no segundo", explica Prada.

"A situación da economía galega é moi preocupante"

Albino Prada explica en Nós Diario as causas de que a economía galega apunte no que vai de ano un crecemento 1,5 puntos porcentuais menor ao do conxunto do Estado. "Na primeira metade deste ano a demanda interna medrou na Galiza moi por baixo da media española. Non chegamos nin a terceira parte. Moito ten que ver con esta asimetría o feito de que no segundo trimestre, mentres o consumo familiar aínda medra no conxunto do Estado, na Galiza caia", sinala.

"A inflación enerxética e de produtos básicos semella conter máis a demanda canto menores son as rendas medias da poboación", engade. "Cun consumo familiar en negativo e coas exportacións moi perto do crecemento cero a situación da economía galega na primeira metade deste ano é máis que preocupante de cara ao que poda suceder na segunda metade", conclúe.

Comentarios