As previsións sinalan que o PIB da zona euro baixará 0,2% no terceiro trimestre

A caída da produción na economía xermana lastra a área económica.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Alexandros Michailidis / EC / DPA).
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Alexandros Michailidis / EC / DPA).

A actividade do sector privado da zona euro deteriorouse sensibelmente durante no presente mes de agosto, cando ademais da caída da actividade no sector manufactureiro tamén se rexistrou un empeoramento no sector servizos.

Ademais, os datos adiantados esta cuarta feira do índice de xestores de compra (PMI) suxiren unha contracción do Produto Interior Bruto (PIB) da área monetaria de 0,2% no terceiro trimestre de 2023.

Concretamente, a estimación adiantada do PMI composto da zona euro situouse en agosto en 47 puntos (os niveis son negativos por baixo dos 50 puntos), fronte aos 48,6 do mes anterior, o seu peor resultado en 33 meses.

Un dato consecuencia da deterioración do sector manufactureiro, cunha lectura do PMI de 43,7 puntos, fronte aos 42,7 de xullo, se lle sumase un índice no sector servizos de 48,3 puntos desde os 50,9 do mes anterior, o seu peor dato en 30 meses.

A presión á baixa na economía da zona euro durante o mes de agosto provén principalmente do sector servizos alemán, mentres que no sector manufactureiro, as firmas xermanas tamén están a reducir a súa produción.

Paralización das contratacións

Deste modo, as empresas da zona euro practicamente paralizaron as contratacións como consecuencia da deterioración da demanda e dunhas perspectivas máis pesimistas para os próximos doce meses, dado que as expectativas futuras descenderon até alcanzar o seu nivel máis baixo no que vai de ano.

Aínda que as presións inflacionistas seguiron situándose moi por baixo do nivel observado durante os últimos dous anos e medio, impulsadas por unha caída dos prezos no sector manufactureiro, as taxas de inflación dos índices de custos e de prezos cobrados aumentaron.

Comentarios