A economía galega medra a un ritmo inferior á española: así evolucionou o PIB no segundo trimestre

Pola súa parte, o PIB da zona euro rexistrou unha expansión de 0,3% no segundo trimestre de 2023, espertando así da letarxia invernal tras o estancamento rexistrado nos tres primeiros meses de 2023, mentres a inflación seguiu a moderarse en xullo por volta de 5,3%.
O peso relativo dos retribucións percibidas polas persoas asalariadas galegas sobre o PIB do país no ano 2021 foi de 46,2%. (Foto: Guillermo).
photo_camera Traballadores da construción na Galiza, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) estima que o Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza medra por volta de 1,4% no segundo trimestre do presente ano en comparanza co mesmo período de 2022. Son catro décimas menos que o agardado de media no conxunto do Estado español, 1,8%.

Segundo o informe publicado esta segunda feira, a Airef prevé que Balears (3,6%), Canarias (3,1%), Madrid (2,1%) e Catalunya (1,8%) sexan as catro autonomías que máis crezan en taxas interanuais, superando así a media estatal. E por baixo dese limiar situaríanse Andalucía (1,7%); Murcia e Castela-A Mancha (1,6%); Nafarroa (1,5%); Castela e León, Galiza e País Valencià (1,4%); Estremadura e Aragón (1,3%); Euskadi e A Rioxa (1,1%); Cantabria (0,8%), e finalmente, Asturias (0,8%).

En taxas de variación intertrimestrais —entre o segundo e primeiro trimestre de 2023—, o crecemento da Galiza é de 0,4%, un dato idéntico neste caso á media do Estado español. Tamén Balears e Canarias destacan pola súa expansión, con crecementos de 1,1% e de 0,9%, respectivamente. En contraposición, Euskadi e Asturias rexistraron os menores avances, con taxas de 0,2% e 0,1%, en cada un dos casos.

Estas estimacións da Airef realízanse unha vez publicado polo INE o dato de avance trimestral do PIB a nivel estatal. Con todo, o organismo lembra que estas previsións chegan nun contexto de elevada incerteza no ámbito territorial.

A economía da eurozona medra a un ritmo de 0,3%

O PIB da zona euro rexistrou unha expansión de 0,3% no segundo trimestre de 2023, espertando así da letarxia invernal tras o estancamento rexistrado nos tres primeiros meses de 2023, mentres a inflación seguiu a moderarse en xullo por volta de 5,3%, malia que a taxa subxacente fica en niveis historicamente altos, segundo a estimación preliminar publicada por Eurostat.

A diferenza do ocorrido na eurozona, con todo, no conxunto da Unión Europea a taxa de crecemento do PIB estancouse entre abril e xuño, após a expansión de 0,2% observada no primeiro trimestre do ano. En comparación co segundo trimestre de 2022, o PIB da zona euro medrou 0,6%, e o da UE, 0,5%. A pesar da aceleración do crecemento da eurozona, o ritmo de expansión entre esta vintena de países continúa afastándose do rexistrado polos Estados Unidos, que no segundo trimestre incrementouse en 0,6%, logo do 0,5% rexistrado entre xaneiro e marzo.

Entre os países da UE cuxos datos estaban dispoñíbeis, o maior ritmo de expansión trimestral correspondeu a Irlanda (3,3%), por diante de Lituania (2,8%) e Francia (0,5%). Pola contra, os países con peor desenvolvemento no trimestre foron Suecia (-1,5%), Letonia (-0,6%), Austria (-0,4%) e Italia (-0,3%). E, de forma paralela, entre abril e xuño a economía de Alemaña tamén se estancou, despois da contracción de 0,1% no primeiro trimestre, mentres que Portugal tampouco rexistrou crecemento ningún no segundo trimestre, tras a expansión de 1,6% nos tres primeiros meses de 2023.

En comparación co segundo trimestre de 2022, as taxas de crecemento máis altas foron as de Irlanda (2,8%), Portugal (2,3%) e o Estado español (1,8%), mentres no extremo oposto os maiores descensos interanuais foron os de Suecia (-2,4%), República Checa (-0,6%) e Letonia (-0,5%).

"Isto confirma que a economía da eurozona continuou a baixa velocidade no segundo trimestre, con debilidade nos datos entrantes que indican riscos de estancamento ou peor no segundo semestre", apunta Ricardo Amaro, economista senior de Oxford Economics.

Comentarios