A preocupante desaceleración de Galicia

Albino Prada é membro de Economía e Administración de Negocios para a Sociedade (Ecobas) e do Consello Científico da Asociación pola Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Ciudadana (Attac).

Vista do peirao de contedores de Guixar (Foto: Porto de Vigo).
photo_camera Vista do peirao de contedores de Guixar (Foto: Porto de Vigo).

As previsións de crecemento do Instituto Galego de Estatística (IGE) para o conxunto deste 2023 non eran nada optimistas: caeriamos á metade desde a taxa de 3,6% en 2022 á de 1,7% en 2023. E o certo é que os datos coñecidos este 25 de agosto para o segundo trimestre confirman, e é unha mágoa, a previsión, porque de medrar aínda 3% no primeiro pasamos a facelo 1,5% no segundo.

Esta tendencia á desaceleración tamén se anota para o conxunto de España pero os datos nos dous trimestres son peores en Galicia pois en España medrouse 4,2% no primeiro e 1,8% no segundo. Anotamos punto e medio de Produto Interior Bruto (PIB) de menor crecemento no que vai de ano en Galicia. Onde está a causa?.

Todas as economías teñen dous motores: a demanda interna e a demanda externa. O consumo interno por unha banda e por outra a balanza entre exportacións e importacións. A maior consumo e a maiores exportacións máis PIB e, por caso, maior emprego.

Pois ben na primeira metade deste ano a demanda interna medrou en Galicia moi por baixo da media española. Non chegamos nin a terceira parte. Moito ten que ver con esta asimetría o feito de que no segundo trimestre, mentres o consumo familiar aínda medra no conxunto de España, en Galicia cae na mesma intensidade. A inflación enerxética e de produtos básicos semella conter máis a demanda canto menores son as rendas medias da poboación.

A demanda externa, se ben medrou por riba da media española, fíxoo sen capacidade de compensar a desfeita da demanda interna e, por riba, derrubándose a niveis de variación semellantes aos desta. En particular as exportacións do segundo trimestre xa están máis perto do estancamento en Galicia que no conxunto de España (0,4 % e 0,7 % respectivamente). A atonía do comercio mundial pásanos factura de xeito acelerado.

Cun consumo familiar en negativo e coas exportacións moi perto do crecemento cero a situación da economía de Galicia na primeira metade deste ano é máis que preocupante de cara ao que poda suceder na segunda metade.

Comentarios