Conxemar abre as portas nun contexto complicado para o sector pesqueiro

Conxemar volve para converter Vigo na capital mundial da pesca. A máis importante feira de conservas e conxelados de Europa arranca hoxe a súa XXIV edición coa presenza de 754 empresas de 45 Estados do mundo. A feira chega nun momento complicado para o sector.

Conxemar_5i
photo_camera Asistentes á sesión de apertura do congreso de Conxemar en Vigo. (Foto:Europa Press).

A XXIV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar, abre hoxe as súas portas ao público en Vigo. O encontro, que se alongará até o 5 de outubro, contará coa presenza de 754 empresas, procedentes de 45 Estados do mundo, nunha superficie expositiva de 37.000 metros cadrados. Nesta edición, os promotores reclamaron o emprazamento en Vigo da sede da Rede Global de Portos Azuis da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), unha demanda que vén desde 2019. A este respecto, a senadora do BNG, Carme da Silva, reclamou onte na Cámara Alta apoio institucional para esta reivindicación do sector pesqueiro galego.

Os organizadores de Conxemar impulsaron na xornada de onte o XI Congreso Conxemar-FAO, centrado en “acordar solucións enfocadas á transformación azul e á sustentabilidade para toda a cadea de valor dos produtos do mar conxelados”. Nesta liña, entenden que “as conclusións do congreso serán especialmente útiles para a participación de Conxemar en futuros foros, así como nas próximas conversacións con diversas institucións para protexer os intereses de todo o sector”.

O congreso foi aberto cun relatorio do director da FAO, Vera Agostini. Na súa intervención, desenvolveu o concepto de Transformación Azul, unha categoría referida aos retos que ten por diante o conglomerado pesqueiro. Ao tempo, apostou por repensar a cadea de valor do complexo mar-industria nun momento de grandes transformacións para o sector.

Agostini cualificou a contorna de "complexa e volátil" e apostou por "toda a cadea de valor pesqueira, tanto vertical como horizontal”. Así, agradeceu aos organizadores de Conxemar a posibilidade de permitir “achegar a súa visión a representantes da pesca extractiva, ONG, organismos científicos, industria, comercializadores e retail”. Neste punto, afirmou que “o obxectivo é lograr un sistema alimentario sustentábel, desde todos os seus elos e puntos de vista, e en todas as vertentes, social, económica e medioambiental”.

Un momento complexo

O congreso desenvólvese nun contexto complexo para o conglomerado pesqueiro galego. Concretamente, o sector da conserva e dos conxelados representa 26,5% de todas as factorías do Estado, pero xera 48,1% do emprego e 59,1% do valor, o que significa que na Galiza se localizan as empresas máis grandes e eficientes. Porén, no pasado exercicio a conserva e o procesado de peixe experimentou unha caída na produción, malia que a elevada inflación motivou que o seu valor monetario ascendese un 5,7%.

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en economía pesqueira Gonzalo Rodríguez sinala a Nós Diario que “na Galiza a industria da conserva presenta unha forte concentración na comarca do Barbanza, que representa ao redor da metade da produción, contando con empresas líderes como Conservas Rianxeira, Frinsa ou Escurís e,  en menor medida, en comarcas como Vigo, o Salnés ou Bergantiños. Se nos referimos á industria de procesado de produtos a base de pescado, a principal localización é a comarca de Vigo, seguida do Salnés, o Morrazo e Caldas”.

Rodríguez considera que “garantir a continuidade do complexo pesqueiro como un sector ligado ao territorio pasa por dotarse de instrumentos financeiros propios de natureza pública”. Nesta dirección, avanza que “unha vez que desaparecen as caixas e vendo que o Igape [Instituto Galego de Promoción Económica] non serve, non queda outra que contar con novas ferramentas financeiras”. Apunta que “o sector pesqueiro exemplifica, como ningún outro, os problemas xerados pola desaparición das caixas e a necesidade de contar con instrumentos financeiros públicos”.

A falla de músculo financeiro do sector está provocando que o capital estranxeiro se faga con algunhas das empresas máis significativas do complexo pesqueiro galego. Así, por exemplo, o fondo de investimento Platinun Equity fíxose en 2019 con Iberconsa, a segunda empresa pesqueira do Estado após Pescanova, con máis de 2.100 traballadoras e traballadores.

Iberconsa non é unha excepción. O capital estranxeiro controla empresas chave do sector como Discefa, o principal distribuidor de polbo conxelado da Galiza, Conservas Albo, propiedade da chinesa Shangai Kaichuang Ocean Resources ou Calvo, onde mantén unha participación maioritaria a italiana Bolton Group, que controla 40% do capital da compañía con sede en Carballo. Un futuro semellante agarda a Pescanova, actualmente propiedade de Abanca, que negocia a súa venda ao grupo canadense Cooke.

Os fondos de investimento

A entrada dos fondos de investimento no complexo pesqueiro galego está asociada ás tendencias económicas globais pero tamén aos problemas de falla de financiamento dos grupos empresariais acentuados tras a desaparición das caixas. Nesta perspectiva, Gonzalo Rodríguez, explica que “desde 2018 hai un movemento do capital risco cara á empresa alimentaria porque pensan que pode darse un problema de falla de alimentos, unha tendencia que se está acentuando tras a actual crise, dado que este é un sector moi estábel, cuxas marxes de beneficios non son moi elevadas pero si moi constantes”.

A eólica mariña pon en risco máis de 150.000 empregos na Galiza

O complexo pesqueiro galego vive momentos complicados. A piques de cumprise un ano da súa exclusión de 87 caladoiros comunitarios, enfronta un escenario adverso marcado pola decisión das autoridades galegas e españolas de entregar 2.350 quilómetros cadrados de augas galegas ao desenvolvemento de proxectos de eólica mariña.

Galiza concentra 47% do total das augas do Estado destinadas á produción eólica. Neste caso, un dos polígonos autorizados emprázase fronte ás comarcas de Vigo e do Baixo Miño e os outros catro na área cantábrica, entre a zona de Ortegal e da Mariña. Precisamente, nestas zonas sitúanse algúns dos caladoiros con máis actividade pesqueira do conxunto do país, delimitados polo Instituto Español de Oceanografía.

As zonas reservadas para a eólica mariña afectan a 184 caladoiros de pesca nas augas galegas. É por iso que a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños destaca o importante impacto desta planificación na actividade pesqueira e rexeita os emprazamentos escollidos. Ademais, o sector do mar estima en 150.000 os empregos en risco pola eólica mariña.

O Goberno do Estado español tramita, actualmente, nove proxectos de eólica mariña no país, impulsados por seis compañías, todas elas con sede social fóra da Galiza. Neste grupo, aparecen, entre outras, empresas como Iberdrola ou Ferrovial, que solicitaron autorización para desenvolver 4.695 megawatts, unha potencia que supera a operativa na eólica terrestre.

Comentarios