A Xunta subvencionará proxectos de eólica mariña con máis de 5 millóns de euros

O Executivo galego empregará a compra pública de innovación en hidróxeno e eólica mariña, cun mínimo de 5 millóns por proxecto

Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, informou de que a Xunta da Galiza empregará o instrumento de compra pública de innovación en sectores como hidróxeno verde e eólica mariña, cun orzamento mínimo de 5 millóns de euros por proxecto.

Así, presentou o novo programa de Compra Pública de Innovación para o sector da industria e da enerxía que vai pór en marcha a Xunta. Lourenzá fixo unha chamada á colaboración público-privada e de todo o ecosistema de I+D+i da Galiza e do resto do Estado español para participar na rolda de consultas preliminares que vai abrir o Goberno galego para captar propostas.

Esta iniciativa está enfocada a impulsar a actual plataforma experimental de Punta Langosteira, no concello de Arteixo (comarca da Coruña), co desenvolvemento de novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas e o deseño de solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde.

"Punta Langosteira debe converterse nun instrumento chave ao servizo dun novo sector na Galiza, onde a nosa industria naval, a industria do metal pero tamén o sector TIC e moitos outros van ser indispensábeis", cunha aposta do Goberno galego pola eólica mariña.

Tamén busca desenvolver solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde e dispor do equipamento máis avanzado para acometer proxectos demostradores e validar novas tecnoloxías relacionadas coa produción, o almacenamento ou a distribución. "Queremos que a mellor tecnoloxía se desenvolva aquí, na Galiza, e que, despois, se industrialice e se comercialice desde a Galiza para toda España e Europa", sostivo Lourenzá.

Respecto diso, expón que o Goberno galego foi das primeiras administracións en aplicar a compra pública innovadora, cun investimento duns 250 millóns desde 2011.

 

Comentarios