O capital estranxeiro toma o control do conglomerado pesqueiro na Galiza

O complexo mar-industria na Galiza é cada día menos galego ao avanzar nel a presenza do capital estranxeiro. A compañía Mascato está a estudar a incorporación ao seu accionariado de fondos de investimento se a venda non prospera, un camiño tomado xa por outras empresas, como Iberconsa ou Calvo.
Fabrica de procesado de peixe de Iberconsa en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabrica de procesado de peixe de Iberconsa en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Mascato é a última empresa do complexo pesqueiro galego en abrir as portas ao capital estranxeiro. A compañía viguesa vén de encargar á auditora Deloitte un estudo de cara a incorporar ao seu accionariado fondos de investimento, no caso de non prosperar a venda, opción pola que se decantan os donos da compañía, a familia Lloves.

O grupo Mascato é a sexta empresa pesqueira galega por facturación e a novena por toneladas capturadas. A compañía rexistrou en 2021 uns ingresos totais de 232,8 millóns de euros e uns beneficios de 13,4 millóns. A empresa dos Lloves emprega 1.800 persoas, 1.400 delas en Namibia, sendo o seu principal cliente Mercadona, que na anualidade pasada representou 71% das vendas.

Mascato continúa o camiño aberto por outras compañías do sector nos últimos anos. Un caso paradigmático é Iberconsa, a segunda empresa pesqueira do Estado após Pescanova, con máis de 2.100 traballadores e traballadoras. A compañía, fundada en Vigo en 1981, é líder mundial na comercialización de lagostino austral e de pescada conxelada, conta cunha frota presente en diversos caladoiros e dispón na actualidade de máis de 20 empresas sendo a súa marca máis representativa 'Nós'.

O fondo de investimento Platinun Equity fíxose con Iberconsa en maio de 2019 após mercarlla por 550 millóns á sociedade de capital risco Portobello. Platinun é un grupo estadounidense fundado en 1995 por Tom Gores con participacións en diversos sectores da actividade económica, que vive un importante crecemento após o estoupido financeiro de 2008 até o punto de adquirir no exercicio seguinte 14 compañías. O fondo é propietario do equipo de baloncesto da NBA Detroit Pistons.

Un caso análogo é o de Discefa, o principal distribuidor de polbo conxelado da Galiza. A compañía fundada en 1982 na Coruña, propietaria de marcas como Rey del Pulpo, Fribó ou Pindusa, está presente en máis de 35 Estados, con forte presenza nos mercados europeos e estadounidenses e procedendo 75% dos beneficios de fóra do espazo ibérico.

A polbeira galega caeu en mans do fondo de capital risco madrileño GED en xuño de 2016 por unha cantidade que se achegou a 60 millóns de euros. GED é unha xestora constituída en 1996 que xestiona fondos por un total de 700 millóns de euros, con participacións en 36 sociedades e cuxo ámbito de actuación se centra no espazo ibérico e do sur europeo. A compañía tentou desfacerse da súa participación en Discefa en 2018. Porén, desistiu da operación, unha vez que o prezo do polbo se disparou nos diferentes mercados.

A historia repítese na industria conserveira. Sen ir máis lonxe, en 2016, o grupo chinés Shangai Kaichuang Ocean Resources fíxose por 61 millóns de euros con Conservas Albo, unha das marcas históricas do sector na Galiza. Fundada en Candás, Asturias, en 1869, e con sede en Vigo desde 1929, contou con centros de traballo en diversas localidades galegas, concentrando, actualmente, toda a súa actividade en Salvaterra.

Shangai Kaichuang Ocean Resources ten a súa sede social en Hong Kong, está valorada en 161.000 millóns de dólares e é a filial pesqueira do xigante chinés da alimentación Bright Food. A este respecto, Kaichuang destaca pola súa gran frota de mega arrastreiros, cerqueiros conxeladores e buques frigoríficos con presenza en todo o mundo.

Os fondos de investimento estranxeiro fan parte, tamén, do capital de Calvo. A compañía de Carballo, con máis de 4.000 traballadoras e traballadores en todo o mundo e cunha facturación 593,9 millóns de euros en 2019, ten no seu capital desde 2012 o Bolton Group.

A multinacional italiana converteuse en accionista da empresa tras comprar 40% das participacións en mans das caixas galegas, unha vez que entraron en quebra e foron obrigadas a desfacerse dos seus activos industriais. Bolton Group é propietario doutras tres conserveiras na Galiza. Unha delas, emprázase en Boiro, outra en Vilagarcía de Arousa e unha terceira no Grove, facéndose con estas en 2015 tras adquirir 55% de Conservas Garavilla.

Comentarios