Bruxelas cuestiona a política eólica mariña estatal e advirte dos seus riscos

PP e PSdeG rexeitaron esta cuarta feira no Parlamento da Galiza unha proposición do BNG que reclamaba a retirada dos Plans de ordenación dos espazos marítimos (POEM), aprobados polo Goberno do Estado o 28 de febreiro de 2023 para o desenvolvemento da eólica da mariña, un proceso que vén de cuestionar o Tribunal de Contas Europeo (TCE).

O Goberno do Estado español  aprobou os POEM, delimitando aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña (Foto: Federico Rostagno).
photo_camera O Goberno do Estado español aprobou os POEM que delimitan aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña. (Foto: Federico Rostagno)

O Tribunal de Contas Europeo (TCE) presentou esta terza feira un informe sobre o proceso de desenvolvemento da eólica mariña no espazo comunitario. O relatorio elaborado polo organismo encargado da fiscalización e do control das contas da Unión Europea (UE) advirte dos riscos desta actividade e chama os seu responsábeis a avaliar o seu impacto na actividade pesqueira.

O documento redactado polo órgano de control comunitario considera que “o desenvolvemento da enerxía renovábel mariña supón unha serie de problemas prácticos, sociais e medioambientais que non foron debidamente avaliados”. Neste sentido, apunta aos instrumentos aprobados polo Executivo estatal para a implantación e ordenación da eólica mariña, cuxa retirada solicita o sector pesqueiro galego.

O TCE entende que a “enerxía renovábel mariña” nas augas da UE “pode dar lugar a unha redución progresiva do acceso ás zonas de pesca, o que podería reducir os ingresos procedentes da pesca e aumentar a competencia entre pescadores”. Concretamente, esta situación xa se ten certificado en áreas comunitarias con instalacións de eólica mariña en funcionamento, até o punto de que nalgunhas zonas do norte de Portugal e de Francia ten desaparecido o recurso pesqueiro após a construción dos parques eólicos.

O órgano de fiscalización da UE alerta no seu relatorio de conflitos entre a actividade enerxética e pesqueira. Neste sentido, asegura que “os conflitos entre os dous sectores seguen sen resolverse nos Estados membros auditados e xestiónanse de maneira distintas”. Ao tempo, advirte que, “en España e os Países Baixos, as zonas destinadas á enerxía renovábel mariña redeseñáronse para minimizar calquera interacción coa pesca con artes de fondo”, en clara referencia á frota do arrastre.

A Comisión Europea

Unha parte das suxestións trasladas polo informe do Tribunal de Contas Europeo foron asumidas pola Comisión Europea. Neste punto, o Executivo comunitario reclama “avaliar as posíbeis implicacións sociais e en materia de emprego e competencias do desenvolvemento da enerxía renovábel mariña no sector da enerxía mariña e para outros usuarios do mar, en particular a pesca”.

A Comisión Europea avanza que está de acordo co Tribunal de Contas Europeo “en que aínda deben abordarse varios aspectos relativos á protección da biodiversidade mariña para aproveitar todo o potencial da coexistencia con instalacións en alta mar, como as lagoas de coñecemento sobre os posíbeis efectos da eólica renovábel mariña, a avaliación dos efectos acumulativos na biodiversidade e a identificación das solucións máis axeitadas para mitigar os impactos”. As consideracións do Goberno comunitario contrastan coas posicións mantidas polo Executivo español que rexeita calquera modificación no POEM.

Comentarios