Parlamento

A Cámara volve a dividirse arredor da eólica mariña

A petición nacionalista de retirar os POEM xerou reproches de PP e PSdeG.
Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

A eólica mariña volveu evidenciar esta terza feira que no Parlamento galego aquela unanimidade de 2014 na que PP, BNG e PSdeG  se uniran na Cámara por unha costa galega "libre de eólica mariña" hai tempo que é pasado. A proposición non de lei presentada polo BNG e que se debateu esta terza —e votarase esta cuarta feira— solicitaba ao Parlamento galego que instase a Xunta a pedir ao Executivo estatal a retirada dos POEM, os Plans de ordenación do espazo marítimo.

A deputada nacionalista Rosana Pérez explicou que o recente informe do Tribunal de Contas da Unión Europea no que se advertía do posíbel impacto a eólica mariña na pesca e na perda de bioviversidade obrigaba a volver sobre os POEM. O informe europeo, apuntou Pérez, vén dicir "o que sector pesqueiro e BNG levan tempo advertindo", e emprazou o PP e o PSdeG a escoitar agora os argumentos "que non lle valían antes".

Para Teresa Egenique (PP), a proposición mostra que o BNG "está contra a eólica mariña e polo boicot a calquera alternativa enerxética". A seguir, a deputada do Partido Popular defendeu que a Lei do litoral da Galiza aprobada pola Xunta —e da que o Tribunal Constitucional anulou esta terza feira dous artigos— era a ferramenta adecuada para a ordenación da eólica mariña.

Patricia Otero (PSdeG), pola súa parte, emprazou o PP a volver ao "diálogo"  co Goberno estatal en canto ás competencias do litoral. Otero afirmou que o informe do Tribunal de Contas europeo non xustificaba a retirada dos POEM, aos que defendeu como un paso necesario.

Para Rosana, o debate sobre a eólica mariña amosou un "exercicio de escapismo de libro" por parte do PP e o PSdeG, ao se centrar máis, dixo, en falar da Lei do litoral que dos efectos da eólica mariña. A nacionalista reiterou que a Galiza é a costa do Estado español máis afectada polos POEM, "aquí, onde máis frota hai".

Comentarios