O comercio vario manifestouse "por un salario xusto" na Coruña

As rúas da Coruña viviron este domingo unha xornada reivindicativa do comercio vario. Os sindicatos demandan actualizar o convenio para non perder poder adquisitivo. Esta segunda feira terán unha mediación coa patronal e alertan de que se non hai acordo convocarán unha folga.
A manifestación do comercio percorreu as rúas da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera A manifestación do comercio percorreu as rúas da Coruña (Foto: Nós Diario).

Máis de 2.000 persoas do sector do comercio vario percorreron as rúas da Coruña este domingo tras unha pancarta que demandaba “Por un salario xusto” en protesta polas últimas condicións que lles deu a coñecer a patronal do seu sector.

A mobilización, convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UXT, partiu ás 12 horas do centro comercial Catro Camiños da cidade herculina e rematou ao final da rúa Real.

En declaracións a Nós Diario, o secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, explica que saíron á rúa “pola paralización do convenio que leva sen negociarse desde 2019 e cos salarios conxelados”. Denuncia que a patronal “non quere mover a súa postura polo que lle supón ás traballadoras e aos traballadores unha perda de poder adquisitivo importante”.

Pérez lembra que son “máis de 20.000 persoas” as que están afectadas. Esta segunda feira teñen previsto unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais mais asegura que “as posturas están moi distantes”. O sindicalista sinala que “se non se maña haberá que ir á folga, tal e como aconteceu cos convenios anteriores”.

A manifestación contou co apoio das traballadoras de Inditex. “O sector está moi molesto e quere imitar a vitoria que tiveron elas no seu momento”, apunta Roberto Pérez.

Desde CCOO, Juan Zas, responsábel de organizacion da Federación de Comercio deste sindicato, confirma a Nós Diario que “coas subas agora mesmo do IPC é imposíbel de levar unha vida normal”. Por este motivo pídenlle á patronal é que “se actualicen xa os salarios”.

Ademais, indica que tratan “temas de xornadas, fins de semana de calidade e unhas condicións que permitan a conciliación da vida laboral e familiar”. O sindicalista lembra que este convenio afecta “desde o téxtil até os materiais de construción pasado polas ópticas ou zapatarías, é un sector moi amplo”.  

Por parte de UXT, Sheila Canzobre, responsábel da Federación de Comercio na Coruña, asegurou a Nós Diario que “non permitiremos perder poder adquisitivo, a proposta que fan é dun 7,5% con respecto ao 2021 e 2021 cando a inflación subiu un 12%”. A sindicalista cre que “hai liñas vermellas” que non se deben traspasar polo que afirma que “se non chegamos a un acordo salarial e nas licenzas convocaremos a folga”.

Proposta da patronal

Na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020, do 4% para 2021, do 3,5% para 2022, do 2,5% para 2023 e do 2% para 2024.

Con esta oferta, só tomando como referencia os anos 2021 e 2022, nos que IPC sumou 12,20 puntos, os sindicatos indican que se consolidaría unha perda do poder adquisitivo dos salarios do persoal, que xa ten remuneracións cativas, do 4,7%.

Ademais, engaden, para o resto de anos de vixencia, “as subas son moi pequenas e cunha cláusula de revisión que non garante o incremento conforme ao IPC real”.

Comentarios