"Non se respectan os horarios e redúcense os salarios": a folga por fechamentos de tendas de Inditex esténdese a Bershka

Os paros do persoal de Massimo Dutti comezaron esta segunda feira.
Persoal de Massimo Dutti nunha concentración en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Persoal de Massimo Dutti, cadea na que esta segunda feira comezou unha folga indefinida, concentrouse na Praza da Galiza, en Compostela (Foto: Europa Press).

Na mesma xornada na que decorreu a primeira xornada de folga indefinida en rexeitamento do fechamento da tenda de Massimo Dutti no centro comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, representantes da federación de servizos da CIG compareceron esta segunda feira en Pontevedra para anunciar tamén un paro indefinido contra a decisión de Inditex de fechar os estabelecementos de Bershka -a partir do vindeiro 30 de xaneiro- tanto en Pontevedra como en Vilagarcía. 

A medida de protesta, que dará comezo esta quinta feira 26 de xaneiro, virá acompañada tamén de mobilizacións, comezando cunha manifestación en Pontevedra e cunha concentración en Vilagarcía o día 27.

"O obxectivo da folga e das protestas non é outro que rexeitar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) encuberto por parte da téxtil, tendo en conta que das 21 persoas afectadas [polos fechamentos nesta cadea] unicamente se ofertan tres vacantes de recolocación nas dúas tendas de Vigo para o persoal pontevedrés e outras tres para o de Vilagarcía", denunciaron María do Tránsito Fernández, secretaria nacional da federación de servizos da CIG, e Diana Rodríguez, responsábel comarcal da federación en Pontevedra.

As responsábeis sindicais criticaron ademais que "estas vacantes, que se cubrirían atendendo a antigüidade, contemplan xornadas de menos horas das que as traballadoras teñen por contrato na actualidade e non respectan as condicións laborais que o persoal pontevedrés lograra coa convocatoria de folga de 2017".

O sindicato tamén denuncia que non se lles respectan os horarios ás traballadoras, pois os novos postos ofertados serían de segunda feira a sábado en horario de tarde, "polo que non permitiría a conciliación familiar e laboral das empregadas". “Traballarían menos horas, polo que perderían salario, e ademais non poderían conciliar. O que está claro é que Inditex pretende que as afectadas non acepten a recolocación e opten por abandonar a empresa”, denuncia desde a CIG.

De feito, a compañía ofrece unha axuda mensual para as traballadoras que acepten o traslado de 0,19 euros por quilómetro, "mais a partir do quilómetro 25, polo que o persoal pontevedrés que opte pola recolocación nas tendas viguesas unicamente cobraría seis quilómetros, mentres que no caso do de Vilagarcía só ingresarían como máximo 90 euros ao mes, que é o tope fixado no acordo asinado por CCOO e UXT con Inditex a nivel estatal sobre o proceso de dixitalización das vendas", sinala o sindicato. 

Garantir as condicións

O acordo, denuncia a CIG, "permite fechar tendas non porque dean perdas senón para obter máis beneficios”. Neste sentido, exixe "a recolocación de todo o persoal ou que o seu traslado se faga cunha compensación que non implique perda de salario".

Ademais, a CIG critica que Inditex "estea a destruír emprego nas tendas e precarizando as condicións do persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UXT, cando o pasado ano foi no que máis millóns de beneficios obtivo”, o que demostra, afirma a central sindical, "que podería recolocar todo o persoal afectado garantindo as súas condicións laborais e salariais”. 

Protestas no Estado teñen como referencia o logrado na Coruña

Persoal de Inditex participou esta segunda feira de protestas ante tendas de diferentes cidades do Estado español convocadas pola CXT e tendo como referencia a mobilización das traballadoras da Galiza de finais do ano pasado.

Das protestas impulsadas pola CIG e UXT naquela altura para lograr melloras en cidades como A Coruña, Santiago e Ferrol saíu un acordo en decembro para o aumento salarial do persoal das tendas, modelo no que agora se inspiran as protestas no Estado.

Así, o persoal das tendas da téxtil aspira a lograr no Estado unha suba salarial como a conquistada nas mesas de negociación da Coruña, de 322 euros mensuais, e melloras nas súas condicións laborais.

Neste contexto, seguindo o exemplo do sindicalismo galego, a folga nas tendas de Inditex a nivel estatal semella cada vez unha posibilidade máis próxima.

Comentarios