O persoal do comercio vario manifestarase este domingo na Coruña "por un convenio digno"

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT convocaron unha manifestación para este domingo, 26 de marzo, en demanda “dun convenio colectivo digno” para o comercio vario.

Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

#comercio #tenda
photo_camera Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes. (Foto: Álex Zea / Europa Press) #comercio #tenda

En protesta polas últimas condicións por parte da patronal, o persoal de comercio vario está convocado polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT para manifestarse este domingo na Coruña.

En demanda “dun convenio colectivo digno”, a mobilización sairá ás 12 horas do centro comercial Catro Camiños da cidade herculina e pasará pola rúa Juan Flórez, a Praza de Lugo e rematará ao final da rúa Real, á altura do antigo Cine París. 

O secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, explica que as traballadoras e os traballadoras do sector levan cos salarios conxelados desde 2019 mais a proposta patronal é pactar incrementos por debaixo do índice de prezos ao consumidor (IPC), “non garantindo a recuperación nin o mantemento do poder adquisitivo”.

O sindicalista critica que mentres a patronal do pequeno comercio non ofrece nada, "as grandes empresas (como H&M, Mango ou Cortefiel) están desaparecidas".

Proposta patronal

Na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020, do 4% para 2021, do 3,5% para 2022, do 2,5% para 2023 e do 2% para 2024.

Con esta oferta, só tomando como referencia os anos 2021 e 2022, nos que  IPC sumou 12,20 puntos, os sindicatos indican que se consolidaría unha perda do poder adquisitivo dos salarios do persoal, que xa ten remuneracións cativas, do 4,7%.

Ademais, engaden, para o resto de anos de vixencia, “as subas son moi pequenas e cunha cláusula de revisión que non garante o incremento conforme ao IPC real”.

Para CCOO, a actitude da patronal “non ten xustificación”, xa que moitas delas están "nunha boa situación económica”. Por ese motivo, o sindicato repróchalles que “tenten aproveitar a conxuntura para aumentar beneficios á custa de recortar dereitos laborais".

Os sindicatos afirman que a patronal tampouco quere asumir ningunha das reivindicacións da plataforma social en cuestións como a redución da xornada máxima anual, aumento dos descansos, incrementos nos “pluses” de sábado e tardes, melloras na antigüidade, introducir limitacións á contratación inferior a 24 horas (como xa se recolle noutros convenios provinciais), máis días asuntos propios e mellorar outras licencias.

Comentarios