O sector do comercio retallista pide retomar a regulación das rebaixas

A facturación do sector do comercio en 2022 caeron "entre 10 e 20%".
Rebaixas en Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Rebaixas en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A inflación "desbocada" levou a que o comercio galego facturase "entre 10 e 20%" menos o pasado ano, segundo as estimacións anunciadas esta quinta feira polo presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas.

En concreto, detallou que o diñeiro "se vai no recibo da luz ou en combustíbel" e xa "non queda para comprar no comercio". "Nótase moito a inflación, os produtos sóbennolos, nós tamén temos gastos e hai que manter o equilibrio para poder subsistir, esperando que a partir de mediados de ano en diante, isto cambie un pouco e mellore a nivel familiar e de comercio", subliñou o empresario.

Seijas, sobre a porcentaxe na facturación, advertiu que "é significativo o que se gasta noutros temas", reiterou, para engadir a continuación que ese custo "repercute negativamente no comercio".

"A nós sóbennos tamén os gastos, iso déixase sentir na facturación", sentenciou. Respecto diso, engadiu que as vendas baixaron e, por tanto, a facturación, durante o 2022, foi "entre 10 e 20%" menor.

Retomar a regulación das rebaixas

O representante do sector do comercio tampouco pasou por alto as rebaixas, e recoñeceu que as de xaneiro foron "unhas malas rebaixas, porque se vendeu de antemán e só houbo movementos os dous ou tres primeiros días despois -a partir da xornada de Reis, o 6 de xaneiro, cando comeza o período de descontos de comezo de ano-".

Ante este panorama, o responsábel da Federación Galega do Comercio volveu a reclamar do Goberno do Estado español que "dunha vez por todas volva fixar as datas máis convenientes, o mesmo para o consumidor que para os comerciantes".

"As rebaixas empezan o 1 de xaneiro e acaban o 31 de decembro, a xente non espera por esas datas senón que xa o teñen en casa. Das rebaixas xa só queda o nome", protestou Seijas pedindo a regulación das ofertas.

Comentarios