A CIG, ELA e a Intersindical exixen a primacía dos convenios autonómicos sobre os estatais

Os sindicatos nacionalistas fan unha fronte común.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no feche do oitavo congreso da central sindical (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no feche do oitavo congreso da central sindical (Foto: Nós Diario).

As organizacións sindicais CIG (Galiza), ELA (Euskal Herria) e a Intersindical de Catalunya exixiron esta segunda feira ao Goberno español nun comunicado conxunto que "volva garantir" a prevalencia dos convenios autonómicos fronte aos estatais e advertírono de que "debe presentar un proxecto de lei para aprobar a medida sen mesturala con outras cuestións, e menos con recortes".

As organizacións galega, vasca e catalá lembraron que o pasado 10 de xaneiro, no pleno do Congreso dos Deputados, un dos tres decretos sometidos a votación, o presentado polo Ministerio español de Traballo que lidera Yolanda Díaz, non saíu adiante, "o que supuxo que a prioridade dos convenios colectivos autonómicos non fora ratificada".

Ao seu xuízo, o Goberno estatal "ten o costume antidemocrático de tramitar diferentes medidas incorporándoas todas para a súa aprobación a través de decretos-lei", o que implica "ter que aprobar ou rexeitar o texto na súa totalidade, sen posibilidade de modificación".

Neste sentido, afirmaron que a recuperación da prevalencia do ámbito autonómico de negociación foi unha "reivindicación constante e compartida" entre os tres sindicatos "durante os últimos anos".

Mobilizacións durante os últimos anos

Ademais, segundo apuntaron, "esta defensa do dereito á negociación colectiva sen imposicións" motivou "diversas mobilizacións e folgas durante os últimos anos". Por outra parte, lamentaron que as organizacións sindicais e patronais españolas "sempre pretenderon centralizar a negociación colectiva a nivel estatal".

"Non foi unha cuestión pacífica, e a lexislación veu cambiando. A reforma de 2010 do Goberno de Zapatero, nun contexto de intervención de facto de Bruxelas, modificou o Estatuto dos Traballadores para outorgar á negociación de ámbito estatal a prioridade de aplicación dos convenios colectivos", dixeron.

Tras este cambio, concluíron, "deixaron de ser convenios de contidos mínimos [os estatais], para converterse (nalgúns casos) en convenios de máximos que impiden a mellora de condicións noutros ámbitos".

Comentarios