Díaz convoca os axentes sociais tras decaer a reforma dos subsidios por desemprego, do que culpa a Podemos

A aprobación desta medida é chave para desbloquear unha nova partida de fondos europeos que alcanza os 10.000 millóns de euros.
As ministras Teresa Ribera e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, durante o debate parlamentario da reforma. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera As ministras Teresa Ribera e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, durante o debate parlamentario da reforma. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O voto en contra de Podemos, sumado á negativa de PP, Vox e UPN e dada a abstención de Junts, impediu esta cuarta feira no Congreso que saíse adiante o decreto para reformar os subsidios por desemprego proposto polo Ministerio de Traballo. A súa titular, Yolanda Díaz, avanzou hoxe que prevé convocar de novo os axentes sociais para traballar nun novo texto que se gañe o 'si' maioritario nas Cortes.

Esta medida causante da discordia na esquerda española suscitou tamén o debate fóra do Congreso dos Deputados: por unha parte, amplía o acceso ao subsidio por desemprego para 'parados' sen dereito a prestación contributiva a novos colectivos, como as persoas menores de 45 anos sen cargas familiares, e eleva a contía até os 570 euros; por outra, no ano 2028 reduciría a base de cotización do subsidio a 100%, fronte ao 125% actual.

"Agora traballaremos con tempo nunha reforma que é moi positiva para o país", sinalou Díaz, que tamén responsabilizou Podemos de que o decreto non saíse adiante: "Onte [pola cuarta feira], a dereita, a extrema dereita e Podemos recortaron os dereitos dos parados".

O que afecta esta prestación foi, precisamente, "o único" que o Goberno "non puido" someter ao diálogo social, lembrou a ministra, pois Bruxelas requiría a súa aprobación xa antes do pasado 31 de decembro, ao estar vinculado á solicitude do cuarto pagamento do denominado fondo 'anticrise' da UE, que desbloqueará outros 10.000 millóns de euros para o Estado español.

A este respecto, a ministra de Facenda e vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, asegurou esta quinta feira que pedirán "xenerosidade" a Bruxelas para que a parte dos fondos ligada a esta reforma "poida demorarse un pouco".

Tanto a patronal e a asociación de autónomos ATA como os sindicatos CCOO e UXT aplaudiron a chamada de Yolanda Díaz ao diálogo e, na liña da ministra, cargaron contra as forzas políticas que se opuxeron ao decreto, nomeadamente Podemos.

"Volveremos ao punto de partida", dixo o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, para quen o recorte na cotización denunciado pola formación encabezada por Ione Belarra "depende da perspectiva".

Comentarios