A CIG ve unha "oportunidade para reforzar o marco galego de relacións laborais" na prevalencia dos convenios autonómicos

A reforma é unha reivindicación histórica do sindicalismo nacionalista.
Paulo Carril (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Paulo Carril (Foto: Xan Carballa).

A CIG mostrou esta quinta feira a súa ledicia pola reforma do Estatuto dos Traballadores aprobada esta semana polo Consello de Ministros e Ministras do Estado español para dar prevalencia aos convenios autonómicos sobre os estatais, "unha oportunidade para reforzar o marco galego de relacións laborais".

O secretario xeral da organización, Paulo Carril, subliñou  que esta medida foi unha "histórica reivindicación" do sindicalismo nacionalista galego, vasco e catalán, fronte ás organizacións sindicais estatais que "pretenden secuestrar" a negociación colectiva en "mesas en Madrid".

Así, Carril reivindicou que tanto a CIG como o sindicato vasco ELA son "maioritarios" nas súas autonomías e que defenden de maneira "próxima" os intereses dos traballadores e das traballadoras nos seus territorios.

Neste contexto, o secretario xeral da central sindical avogou por alcanzar un acordo interprofesional de ámbito galego que estruture a negociación colectiva e "sirva para protexer os convenios da colonización por parte dos de ámbito estatal".

Segundo advertiu Carril, esta prioridade queda condicionada a que a regulación dos acordos ou convenios autonómicos sexa máis favorábel para as persoas traballadoras que a fixada nos estatais: "Aínda temos que seguir pelexando para alcanzar o pleno recoñecemento do dereito para negociar aquí e con todas as garantías xurídicas as nosas condicións de traballo".

A reforma de Zapatero

A CIG apuntou á reforma da negociación colectiva imposta polo Goberno estatal do socialista José Luis Rodríguez Zapatero en 2011 e consolidada posteriormente na reformas laborais dos Executivos españois do popular Mariano Raxoi.

"Foi moi agresiva para os convenios sectoriais autonómicos e para o propio modelo sindical da CIG, pois abriu a porta a que os convenios de ámbito estatal se impuxeran enteiramente sobre a estrutura da negociación colectiva nun sector, reservando para si todo tipo de materias e prohibindo a súa negociación noutros ámbitos", sinalou o sindicato nacionalista ao respecto.

Comentarios