O Banco de España cualifica a tensión financeira como "incerteza engadida"

A institución solicita ao sector bancario que aproveite as ganancias extraordinarias de 2022 para aumentar o seu colchón de capital e liquidez. 
O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
photo_camera O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).

O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, afirmou esta segunda feira que as tensións bancarias que afectaron ás entidades dos Estados Unidos de América (EUA) e Suíza, coa intervención de varios bancos e o rescate de Credit Suisse, representan "un elemento de incerteza engadida".

Porén, o representante do Banco de España afirmou que o impacto da recente crise bancaria para o sector e a estabilidade financeira na zona euro foi "relativamente suave" polo momento. 

Ao respecto, Hernández de Cos destacou que, tras os beneficios substanciais contabilizados pola banca en 2022 impulsados polas subas de tipos de xuro, está a pedirse ás entidades "non só manter os colchóns (de capital e liquidez) senón aumentalos".

Tipos de xuro e inflación

Pola súa parte, o Fondo Monetario Internacional (FMI) apuntou que os tipos de xuro reais, descontando a inflación da taxa nominal, probabelmente regresarán ao nivel previo á pandemia cando a inflación sexa controlada.

A organización internacional considerou probábel que os aumentos recentes nos tipos de xuro reais "sexan temporais", así como que, cando a inflación deixe de ser unha ameaza, os bancos centrais das economías avanzadas "flexibilicen a política monetaria" e leven os tipos de xuro reais a niveis previos á pandemia. 

No caso das grandes economías emerxentes, as proxeccións conservadoras sobre futuras tendencias demográficas e de produtividade suxiren unha converxencia gradual cara ás taxas de xuro reais das economías avanzadas, engadiu a institución.

Neste sentido, o FMI advertiu de que o axuste cara aos niveis anteriores á pandemia estará condicionado pola materialización de escenarios económicos alternativos que impliquen maiores niveis de débeda e déficit público ou posíbeis aumentos da fragmentación financeira.

Comentarios