O colapso da banca nos EUA fai caer o euríbor mais non abarata as hipotecas

Moody's ve "negativa" a situación do sistema bancario estadounidense.
Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)

A axencia de cualificación crediticia estadounidense Moody's considera que a situación do sistema bancario de Estados Unidos é "negativa". Se ben na pasada segunda feira a súa valoración era de "estábel", o cambio de consideración reflicte o "rápido deterioro" no contorno operativo após o colapso de entidades como Silicon Valley Bank (SVB), Silvergate Bank e Signature Bank (SNY).

A cualificadora de riscos considera que, aínda que o Departamento de Tesouros, a Reserva Federal e a Corporación Federal de Seguros de Depósitos (FDIC) ofreceran respaldo á clientela das entidades, a rápida e substancial diminución da confianza dos depositantes e investidores bancarios que precipitou esta acción destaca os riscos na xestión de activos e pasivos dos bancos estadounidenses, exacerbado polo rápido aumento dos tipos de interese.

Así, Moody's agarda que as presións persistan e se vexan incrementadas polo actual "endurecemento" da política monetaria e do aumento dos custos dos depósitos. Isto reduciría as ganancias dos bancos, particularmente aqueles cunha maior proporción de activos a taxa fixa. 

Cae o euríbor

Após o colapso das entidades bancarias estadounidenses, o euríbor a 12 meses (o índice que marca a maioría das hipotecas a tipo variábel), recortou notabelmente a súa taxa diaria. Se ben na quinta feira da semana pasada chegou a 4%, esta terza feira a taxa derrubouse até 3,509%.

Non obstante, a súa taxa media mensual (a que se ten en conta para os créditos hipotecarios), segue por riba de 3,8%, polo que a caída do euríbor non terá, aínda, efecto nas cotas dos préstamos.

Comentarios