Bruxelas prepara unha lei de chips ante a falta de subministracións

A UE quere duplicar a produción de semicondutores.
Fabricación de semicondutores (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabricación de semicondutores (Foto: Nós Diario).

O persoal negociador do Parlamento Europeo e do Consello Europeo alcanzou esta terza feira un acordo para aprobar a Lei Europea de Chips, que mobilizará 43.000 millóns de euros de investimento para dobrar o peso da Unión Europea (UE) na produción mundial destes elementos tecnolóxicos.

O acordo amplía o tipo de instalacións que se poderán financiar cos instrumentos recollidos na lei a aquelas que produzan máquinas para fabricar semicondutores e centros de deseño de chips de excelencia.

Anteriormente, a normativa comunitaria tan só permitía que as axudas para o fomento da produción chegase as instalacións de fabricación directa de chips que foran consideradas punteiras.

A UE produce agora mesmo 10% dos semicondutores do mundo e aspira a fabricar 20% para 2030, co obxectivo de aumentar a súa autonomía estratéxica e reducir a súa dependencia de provedores foráneos.

Ademais, a lei, que aínda debe contar co visto bo do Parlamento Europeo e dos Estados da UE, creará un mecanismo para dar resposta a crises e anticiparse a posíbeis problemas de subministración ou escaseza, como os que se deron a raíz da pandemia e a crise da cadea de subministracións global.

Por outra parte, o Parlamento Europeo adoptou esta terza feira as regras para o novo Mecanismo de Axuste Fronteirizo de Carbono da UE, que gravará as importacións de produtos como o aceiro procedentes de Estados de fóra do ámbito comunitario.

Protección de investidores e contribuíntes nas crises

Bruxelas presentou esta terza feira unha proposta para reformar o marco de xestión de crises bancarias e a garantía de depósitos para amparar pequenos e medianos bancos co obxectivo de protexer aos investidores ante unha posíbel quebra á vez que se minimiza o risco de que as autoridades recorran a diñeiro dos contribuíntes para rescatalos.

Comentarios