Nova parada na planta de Stellantis en Vigo pola falta de suministros

O cadro está afectado por un ERTE aprobado a finais de marzo pasad e a dirección xa advertiu que haberá que negociar "outro".
Citroen PSA
photo_camera Imaxe de arquivo

A planta do grupo Stellantis en Vigo volve paralizar a súa produción de forma parcial debido á falta de suministros derivada da crise global dos microchips, segundo trasladaron fontes da empresa ao cadro de persoal.

Así, a dirección da factoría informou da suspensión de actividade na cuarta quenda do sistema 1 (o que monta o Peugeot 2008, o Peugeot 301 e o C-Elysée) esta segunda feira, e en todas as quendas dese mesmo sistema desta terza e cuarta feira, 2 e 3 de novembro. A previsión é renovar a actividade na quenda de mañá da quinta.

Os problemas de falta de microcompoñentes obrigaron a factoría viguesa a suspender a súa produción en numerosas ocasións ao longo dos últimos meses e eliminar de forma temporal a quenda de fin de semana do sistema 2 (o que monta as furgonetas e monovolumes).

De feito, o cadro está afectado por un ERTE aprobado a finais de marzo pasado para afrontar esa continxencia e o propio director da fábrica, Ignacio Bueno, admitiu hai uns días que "con toda seguridade" haberá que negociar outro expediente de regulación de emprego para o ano 2022.

Esta opción xa foi rexeitada polos sindicatos. Desde a CIG e a CUT a reacción a estas declaración foi inmediata. "Con que alegría se toma unha decisión que non vincula o persoal, máis ben son decisións das compañías que externalizan a fabricación de compoñentes e logo a proposta é que os traballadores pasemos a un ERTE", sinalaba o secretario da sección sindical da CIG en Stellantis, Manuel Domínguez, a Nós Diario

Esta falla de subministración será, segundo apuntan fontes do sector, unha constante nos vindeiros meses. Mais malia estes impeitizos, o grupo Stellantis obtivo un beneficio de 6.926 millóns de euros no primeiros seis meses do ano, fronte ás perdas de 1.234 millóns de euros que presentou no mesmo período de 2020. Os analistas prevén que o grupo resultante da fusión de PSA e FCA continúe na senda dos beneficios millonarios.

Exportacións

Non hai crise que non teña as súas consecuencias. No caso da Galiza, a difícil situación pola que atravesa o sector da automoción, con paros constantes por falla de subministración na principal industria, Stellantis, está a pasar factura no comercio de bens a terceiros países, en parte pola caída da produción derivada destes paros. 

Segundo os datos de comercio exterior recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións rexistraron en xullo a segunda maior caída do Estado español (-10,9%), cun valor de 1.744 millóns, mentres que as importacións aumentaron na mesma porcentaxe, até os 1.643,9 millóns de euros, o que deixa un saldo comercial positivo de 100,4 millóns de euros, 78,9% inferior ao de xullo de 2020.

Comentarios