Bruxelas propón unha lei de 'microchips'

A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, aposta por fechar en Europa a cadea de valor dos 'chips' para evitar crises como a que está a afectar a automoción galega.
A presidenta da comisión, Ursula Von der Leyen, no Debate sobre o Estado da Unión (Foto: F. Marvaux / DPA)
photo_camera A presidenta da comisión, Ursula Von der Leyen, no Debate sobre o Estado da Unión (Foto: F. Marvaux / DPA)

A automoción galega, liderada polo grupo Stellantis, leva meses padecendo as consecuencias da chamada 'crise dos microchips', un problema que non só afecta á Galiza, senón a todo o continente europeo. 

Ante esta situación, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, incidiu no seu discurso durante o Debate sobre o Estado da Unión na necesidade de investir na "soberanía tecnolóxica" e dobrar o investimento en transformación dixital "de acordo coas propias normas e valores da UE".

Na súa intervención, a política alemá puxo énfase nos semicondutores, eses "chips minúsculos que fan que todo funcione",indicou. "Non hai sector dixital sen os chips", engadiu antes de advertir de que a produción mundial destes compoñentes está a funcionar "a medio gas" pola "crecente demanda" e a escaseza".

"Dependemos dos chips fabricados en Asia", lamentou Von der Leyen, quen recalcou a importancia de avanzar neste aspecto: "Non é só unha cuestión de competitividade, senón tamén de soberanía tecnolóxica". 

Nesta liña, a presidenta da Comisión anunciou que Bruxelas proporá unha Lei Europea de Chips. "Necesitamos conectar as nosas capacidades de investigación, deseño e ensaio que se atopan na vangarda mundial. Necesitamos coordinar os investimentos nacionais e da UE ao longo da cadea de valor", apuntou Von der Leyen.

O obxectivo deste novo marco legal, explicou, será "crear conxuntamente un ecosistema de chips europeo de última xeración" que "garanta a seguridade de subministración e desenvolva novos mercados para unha tecnoloxía europea pioneira".

Até 2022

A chamada 'crise dos microchips', que afecta moitas empresas europeas, é un problema que non se vai solucionar en cuesión de días. Segundo as persoas expertas, os paros na produción, como os que están a afectar á factoría viguesa de Stellantis e a boa parte da industria auxiliar da automoción, poderían estendese até 2022, sempre a expensas da evolución da pandemia.

A aposta por fechar a cadea de valor dentro das fronteiras europeas redundaría nunha mellora do emprego e os custos de produción, ademais de que as industrias que aposten nos chips poderán beneficiarse dos fondos Next Generation.

Comentarios