Novo paro na fábrica de Stellantis en Vigo pola escaseza de microchips

O desabastecemento dos compoñentes para a fabricación de vehículos levou a compañía a decretar numerosos paros nos últimos meses, algúns prolongados durante semanas. Desta volta, nun principio, a actividade cesará só na segunda e a terza feira da vindeira semana.
Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis volverá parar toda a súa actividade na segunda e terza feira da vindeira semana, días 25 e 26 de abril, segundo informou a compañía aos representantes dos traballadores.

Así, o Sistema 1 da fábrica deterá a súa produción estas dúas xornadas en todas as quendas. A previsión actual é que se reinicie a ensamblaxe de vehículos na devandita liña, onde se montan os Peugeot 301 e 2008, e o Citroën C-Élysée, a partir da cuarta feira, día 27, ás 6 horas.

Pola súa parte, o Sistema 2 da planta de Balaídos, onde se producen principalmente as furgonetas das diferentes marcas do grupo, tamén parará todas as súas quendas na segunda e a terza.

Con todo, Stellantis está a traballar na posibilidade de fabricar a partir da cuarta só o modelo B78 (o C4 Picasso), algo que será confirmado nas próximas horas.

Segundo explicou Stellantis Vigo, estas paradas débense a "causas de forza maior" como consecuencia da falta de aprovisionamentos que arrastra desde un tempo atrás.

De feito, a fábrica vén sufrindo esta situación varios meses debido á escaseza de chips semiconductores. A guerra de Ucraína provocou que xa falten outros compoñentes necesarios para os seus vehículos.

Desta maneira, a factoría tivo que parar e arrincar en innumerábeis ocasións, chegando a estar varias semanas sen actividade. Nesta ocasión, o paro só durará dous días.

Comentarios