Stellantis gaña 13.354 millóns a pesar da crise dos microchips

O grupo automobilísitco Stellantis fechou o exercicio cun beneficio neto de 13.354 millóns de euros no seu primeiro ano após a fusión.
Carlos Tavares, conselleiro delegado de Stellantis (Foto: Europa Press).
photo_camera Carlos Tavares, conselleiro delegado de Stellantis (Foto: Europa Press).

Os problemas pola falla de subministración de compoñentes electrónicos, a coñecida como 'crise dos microchips', fixo que a planta de Stellantis en Vigo tivese que parar varias veces no último ano as súas liñas de montaxe, o que afectou á produción da factoría de Balaídos, da que saíron menos vehículos que en exercicios anteriores, o que non lle impediu consolidar o seu protagonismo no mercado doméstico

Con todo, as incidencias na planta viguesa, unha das máis importantes do grupo Stellantis, non impediron que a multinacional obtivese en 2021 un beneficio récord no seu primeiro ano fiscal tras a fusión entre FCA e PSA en xaneiro de 2020.

En concreto, o grupo fechou o exercicio cun beneficio neto de 13.354 millóns de euros, que na comparativa interanual supón un aumento do 179%, segundo os datos presentados onte polo consorcio automobilístico.

"O resultados récord de hoxe ─por onte─ demostran que Stellantis está ben posicionada para ofrecer un rendemento sólido, mesmo nas situacións de mercado máis incertas", destacou o conselleiro delegado, Carlos Tavares.

Plan estratéxico

Para este ano, nun contexto no que o mercado segue afectado pola pandemia, o grupo espera un aumento ou estabilidade das vendas na maioría dos mercados nos que opera. O ano pasado facturou 152.119 millóns de euros, 14% máis. 

Stellantis tamén se propón lograr un fluxo de caixa positivo na división industrial e que a marxe operativa axustada sexa de 10%.

Stellantis presentará o seu plan estratéxico a longo prazo o 1 de marzo, que redundará na electrificación, con investimentos previstos de máis de 30.000 millóns de euros até 2025 e no anuncio de colaboracións en tecnoloxía de baterías, materiais de baterías e desenvolvemento de software.

Comentarios