Bruxelas afea ao Estado español que as prestacións non rematen coa pobreza

Un informe da Comisión Europea asegura que as prestacións públicas do Goberno español non reamtan coa pobreza e a desigualdade. No caso das axudas a menores só chegan a 24,5%.
[Imaxe: Rubens Rocha] pobreza
photo_camera [Imaxe: Rubens Rocha]

A Comisión Europea advertiu esta cuarta feira ao Estado español de que o seu sistema de prestacións sociais, aínda que "mellorando" e coas últimas medidas adoptadas na boa dirección, ten aínda unha capacidade "limitada" para reducir as taxas de desigualdade e de pobreza, especialmente a infantil. 

É a conclusión que extrae un informe sobre a economía española de 81 páxinas que o Executivo comunitario publicou esta cuarta feira xunto coas súas recomendacións de política orzamentaria para 2024.

Nel remarca que a crise enerxética e a inflación "agravaron os retos estruturais" aos que xa se enfrontaba o Estado español en materia de políticas sociais. 

Segundo o texto, "as transferencias seguen tendo efectos limitados na redución da desigualdade e a pobreza, a infantil en particular, que continúan altas, en comparación, e empeoraron en relación aos niveis de antes da pandemia".

A Comisión Europea, en cifras concretas, estimaba o impacto das transferencias sociais (excluíndo as pensións) no seu obxectivo de reducir a pobreza nun 23,4 % en 2022, que aumentou até 30,5 % en 2021, mais aínda está "bastante por baixo da media da UE" que se sitúa en 37,1 %. 

Ademais, o informe afirma que o impacto das axudas para menores de idade o Estado español chega a 24,5 % cando no conxunto da UE alcanza a 43,1 %.

Unha das razóns que observa o estudo para que aconteza, é que a maioría das políticas de apoio a fogares vulnerábeis do Goberno español son "transferencias fiscais non reembolsábeis" no sistema de impostos, e iso "limita a efectividade para reducir a pobreza, en especial a de familias con fillos".

Comentarios