Bruxelas acusa o Estado español de infrinxir a directiva contra o branqueo de capitais

O incumprimento debe ser resolto en dous meses.
Sede da Comisión Europea, na cidade de Bruxelas, en Bélxica (Foto: EmDee).
photo_camera Sede da Comisión Europea, na cidade de Bruxelas, en Bélxica (Foto: EmDee).

A Comisión Europea informou esta quinta feira do inicio dun procedemento de infracción contra o Estado español pola "aplicación incorrecta" que fai da nova norma comunitaria para a prevención do branqueo de capitais na Unión Europea (UE).

A pesar de que o Goberno español notificara unha transposición da directiva antibranqueo ao dereito estatal, Bruxelas detectou "varios casos de aplicación incorrecta" no que se refire á creación dos rexistros  centralizados de titularidade real.

A xuízo do Executivo da UE estes rexistros son "pedra angular" das normas para loitar contra o branqueo e por iso remitiu unha carta de emprazamento ás autoridades do Estado español.

Este é o primeiro dos tres pasos previstos nun expediente sancionador e dá agora ao Estado español un prazo de dous meses para resolver as deficiencias sinaladas. Bruxelas iniciou un procedemento pola mesma razón contra Italia.

Se pasado ese período o Executivo comunitario considera que persiste o problema poderá remitir un ditame motivado para dar dous meses máis aos Estados que foron expedientados antes de decidir se eleva o caso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

"Aumentar a transparencia é fundamental para loitar contra o uso indebido das entidades xurídicas. Os Estados membros deben garantir que a información sobre os propietarios reais destas entidades xurídicas -os seus titulares reais- se almacene nun rexistro centralizado", considerou a Comisión Europea. 

Por iso, engadiu o Executivo comunitario, os Estados poden utilizar ben unha base centralizada de datos que reúna información sobre a titularidade real, ben o rexistro de empresas ou outro rexistro centralizado.

"A confianza dos investidores e do público en xeral nos mercados financeiros depende en gran medida da existencia dun rigoroso réxime de divulgación que achegue transparencia sobre a titularidade real e as estruturas de control das sociedades", remachou Bruxelas ao respecto do incumprimento dos Estados.

Comentarios