A Fiscalía sostén que Juan Carlos I cobrou "comisións internacionais" de procedencia ilícita

Acúsao de catro posíbeis delitos: contra a facenda pública, branqueo, suborno e tráfico de influencias.
O rei emérito, Juan carlos I, en febreiro de 2020 (Foto: José Oliva / Europa Press).
photo_camera O rei emérito, Juan carlos I, en febreiro de 2020 (foto: José Oliva / Europa Press).

A Fiscalía do Tribunal Supremo cre que o rei emérito Juan Carlos I cobrou "comisións e outras prestacións de similar carácter en virtude da súa intermediación en negocios empresariais internacionais" para enriquecerse, segundo publica El Mundo, que tivo acceso en exclusiva a unha comisión rogatoria librada ás autoridades suízas para obter información sobre a Fundación  Zagatka.

Na solicitude realizada a Suíza, o Ministerio Público sinala que nestes momentos dispón de "elementos indiciarios de que os fondos que son obxecto de investigación teñen, entre outras, a referida procedencia ilícita" e apunta á posíbel comisión de polo menos catro delitos: branqueo de capitais, contra a facenda pública, suborno e tráfico de influencias.

Comisión rogatoria

Nesta comisión rogatoria, do pasado 24 de febreiro, sempre sengundo o xornal que avanzou a noticia, a Fiscalía pretende que a Oficina Federal de Xustiza de Suíza lle remita a información de todas as contas no país da Fundación Zagatka entre os exercicios 2016 e 2019, entidade que pertence a Álvaro de Orleans-Borbón, curmán do emérito.

Desde esta fundación abonáronse gastos do rei até 2018, con posterioridade á abdicación en Felipe VI en xuño de 2014, momento en que Juan Carlos I perdeu o privilexio da inviolabilidade que tiña como xefe de Estado.

O emérito aparecía como beneficiario desta fundación. Casa Real explicou no seu momento que o antigo monarca descoñecía esta información e engadiu que, se efectivamente era así, renunciaba a ela.

Investigacións abertas

O tenente fiscal do Supremo, Juan Ignacio Campos, coa colaboración do fiscal xefe de Anticorrupción Alejandro Luzón, leva a cabo unhas dilixencias de investigación en torno ao rei emérito polo suposto cobro de comisións pola concesión do AVE á Meca a empresas españolas, polo presunto uso por parte de Juan Carlos I e outros familiares de tarxetas de crédito opacas con cargo a contas nas que non figuran como titulares, e pola existencia dunha conta con 10 millóns de euros a nome do ex xefe de Estado na illa de Jersey, un paraíso fiscal.

Regularizacións fiscais

Ante estes feitos, o antigo monarca fixo dúas regularizacións fiscais. A primeira, o 9 de decembro por 678.000 euros en relación ao uso de tarxetas bancarias con fondos opacos do empresario mexicano Allen Sanginés- Krause, un dos tres asuntos investigados. E unha segunda -en teoría a última- o 25 de febreiro por case 4,4 millóns de euros por rendas non declaradas en relación cos gastos custeados pola Fundación Zagatka.

Así as cousas, en maio sóubose que a Axencia Tributaria notificou ao rei emérito a apertura dunha inspección e pediulle máis información para comprobar a veracidade das regularizacións que presentou até o de agora, un proceso que aínda non culminou.

A fronte xudicial de Don Juan Carlos complétase coa demanda que Corinna Larsen -tamén investigada en Suíza- presentou en Londres por "vixilancia ilegal"  que, asegura, sufriu por parte dos servizos secretos do españois e do propio rei emérito.

Comentarios