O BCE solicita ás empresas que reduzan as marxes de beneficio

O FMI pide persistir nas subas dos tipos de xuro.
A primeira subdirectora xeral do FMI, Gita Gopinath (Foto: World Economic Forum).
photo_camera A primeira subdirectora xeral do FMI, Gita Gopinath (Foto: World Economic Forum).

Segundo sinalou o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Central Europeo (BCE) e os principais bancos centrais deben afrontar a "verdade incómoda" de que a inflación está a tardar demasiado en regresar á meta, polo que deben perseverar no seu compromiso, a pesar dos riscos dun crecemento económico máis débil e un aumento das tensións financeiras.

Na inauguración do foro anual que organiza o BCE na localidade portuguesa de Sintra, Gita Gopinath, subdirectora xeral do FMI, alertou de que, aínda que a taxa de inflación xeral diminuíu, os bancos centrais deben continuar loitando ao tempo que determinan se, e como, a estratexia de política monetaria debe adaptarse no futuro.

"A inflación seguirá sendo alta por demasiado tempo"

En sintonía con Gopinath, o BCE advertiu de que a inflación na zona euro é demasiado alta e seguirao sendo durante demasiado tempo, atribuíndo esta persistencia a que os axentes económicos tratan de repercutirse os custos uns a outros, polo que advertiu do risco de que as empresas traten de defender as súas marxes sen absorber os crecentes custos laborais, engadindo que "é pouco probábel" que poida declararse nun futuro próximo que os tipos de xuro toquen o seu teito.

"Até o de agora, os traballadores saíron prexudicados da perturbación inflacionista, ao experimentar unha considerábel redución dos seus salarios reais, que está a alentar un proceso sostido de recuperación salarial para tentar reverter esas perdas", sinalou a presidenta do BCE, Christine Lagarde.

"Necesitamos que as empresas absorban os crecentes custos laborais a través das súas marxes", apuntou a representante do BCE, para quen se a política monetaria é suficientemente restritiva, a economía pode lograr unha desinflación xeral, á vez que os salarios reais recuperan parte do terreo perdido.

"Frear a demanda"

"Mais isto depende de que a nosa política free a demanda durante algún tempo, de modo que as empresas non poidan seguir mostrando o comportamento de prezos que observamos recentemente", puntualizou Lagarde, advertindo dos potenciais riscos no caso de que as empresas tratasen de defender as súas marxes de beneficio.

"Se as empresas recuperasen a taxa de 25% da perda de marxe que apuntan as nosas proxeccións, en 2025 a inflación situaríase claramente por encima da prevista no escenario de referencia, case en 3%", advertiu a presidenta do banco central.
 

Comentarios