O FMI alerta da vulnerabilidade do sector financeiro non bancario pola suba de tipos

O organismo internacional advirte dun efecto cadea perigoso para os mercados emerxentes.
A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).
photo_camera A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva. (Foto: Britta Pedersen / DPA)

Os intermediarios financeiros non bancarios (IFNB) ou sector financeiro non bancario (SBNF), composto por fondos de pensións, aseguradoras ou fondos de cobertura (hedge funds), incrementaron a súa vulnerabilidade ante shocks financeiros despois das subas de tipos xeneralizadas en todo o mundo, alertou esta terza feira o Fondo Monetario Internacional (FMI).

Estas deficiencias saen á colación unha vez que as subas dos tipos de xuro para combater a inflación derivaron nunhas condicións de financiamento máis estritas que poden pór en perigo os IFNB, que contan con activos e investimentos con máis risco en comparanza cos bancos. Así, os IFNB atópanse máis expostos a problemas de liquidez ou á alta interconectividade co resto da economía. Ademais, esta vulnerabilidade podería facer un efecto cadea e afectar os mercados emerxentes.

A institución económica internacional explicou que os IFNB son "esenciais" para o acceso ao crédito e para fomentar o crecemento económico. Este protagonismo remóntase ao espectacular crecemento rexistrado tras a crise financeira de 2008, até o punto de que hoxe os IFNB posúen case 50% dos activos financeiros globais fronte á taxa previa de 40%.

O FMI aclarou que este proceso tivo lugar tras a adopción da política de 'diñeiro barato' por parte dos bancos centrais e pola maior regulación do sector bancario, que desprazou os instrumentos de investimento máis arriscados aos IFNB. Desta maneira, os bancos centrais poden verse no perigo de necesitar subir os tipos para devolver a inflación ao obxectivo de 2%, mais, a cambio, someter a unha forte tensión a entidades susceptíbeis dos IFNB.

"No actual contexto de alta inflación e condicións financeiras máis estritas, os bancos centrais deben analizar os custos e os beneficios durante episodios de tensións nos mercados e abordar o reto de salvagardar a estabilidade financeira e a estabilidade de prezos", dixo o FMI.

A este respecto, a institución xurdida dos acordos de Bretton Woods (lugar da conferencia financeira e monetaria das Nacións Unidas en 1944) avisou de que o acceso destas entidades á liquidez achegada polos bancos centrais pode ser "necesaria" en tempos de dificultades, mais sempre con certas cautelas.

Entre estas, o FMI recomenda, como primeira liña de defensa, regular e supervisar os IFNB. Despois, asegurar a liquidez por parte dos bancos centrais, mais só como medida temporal e con requisitos estritos para reducir o "risco moral". Este mecanismo debe limitarse a ser o de "prestamista de último recurso" para as entidades sistémicas en problemas, destacou a institución financeira internacional.

Por outra parte, o FMI resaltou como "crítica" a importancia dunha comunicación clara e efectiva, así como a coordinación entre os bancos centrais e os reguladores financeiros á hora de mitigar os riscos.

Comentarios