O FMI advirte da "sacudida sen precedentes" da Intelixencia Artificial nos mercados laborais

Os contras da Intelixencia Artificial (IA) poderían ser maiores que os pros, advirte a primeira subdirectora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Gita Gopinath.
A primeira subdirectora xeral do FMI, Gita Gopinath (Foto: World Economic Forum).
photo_camera A primeira subdirectora xeral do FMI, Gita Gopinath (Foto: World Economic Forum).

A introdución da Intelixencia Artificial (IA) pode supor unha "sacudida sen precedentes" nos mercados laborais, segundo a primeira subdirectora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Gita Gopinath, para quen non existen garantías de que os beneficios da IA superen os custos, polo que reclamou regras "verdadeiramente globais".

Gopinath indicou que a IA podería contribuír a reverter a desaceleración da produtividade mediante a automatización de certas tarefas cognitivas á vez que daría lugar a novas funcións de maior produtividade para que as realicen os humanos.

Con todo, á parte das potenciais ganancias en produtividade, destacou que a IA podería "sacudir o mercado laboral de formas sen precedentes", advertindo de que alén da recente perda de postos de traballo de cualificación media pola automatización, a IA podería afectar as ocupacións e as industrias de forma diferente a ondas de innovación tecnolóxica anteriores.

Neste sentido, lembrou que estudos recentes suxiren que a IA pode reducir a polarización do mercado laboral ao exercer presión á baixa sobre os salarios dos traballos mellor remunerados, diminuíndo os empregos nos mandos intermedios e altos.

Perigo para os empregos e risco de axitación social

"O número de postos de traballo afectados podería ser irresistíbel", afirmou Gopinath, quen opina que non pode garantirse que as ganancias sexan suficientes para compensar as consecuencias derivadas da IA.

"É moi posíbel que a IA simplemente substitúa os traballos humanos sen ningún esforzo mais non axude a xerar novos traballos máis produtivos nos que a xente se poida reciclar", polo que, a pesar do potencial da IA, instou a considerar o amplo efecto negativo que podería ter sobre o emprego e a axitación social que podería causar.

"Cando se trata de IA, necesitamos máis que regras novas. Necesitamos recoñecer que isto podería ser un xogo completamente novo, e que requirirá un enfoque completamente novo da política pública", sinalou, engadindo que a proposta da Unión Europea (UE) de adoptar un regulamento é un comezo.

Comentarios