O BCE alerta do risco financeiro pola falta de control da 'banca na sombra'

A cota de crédito concedido polo sector financeiro non bancario subiu de 15 a 26% desde 2008.
Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt (Foto: Europa Press).

Os riscos no sector das institucións financeiras non bancarias (NBFI), tamén coñecido como 'banca na sombra', poderían intensificarse "nos próximos meses" a medida que a política monetaria continúe co seu endurecemento.

Desta maneira, as medidas para devolver a inflación a unha taxa estábel na contorna de 2%, segundo advertiu Andrea Enria, presidente do Consello de Supervisión do Banco Central Europeo (BCE), poderín xerar inestabilidade financeira.

Estas institucións (fondos de investimento, compañías de seguros, fondos de pensións e outros intermediarios financeiros), que enfrontan unha regulación e supervisión moito máis lixeira que a dos bancos, xogan un papel cada vez máis importante na economía real e na xestión dos aforros, subliñou.

De tal modo, o crecemento da 'banca na sombra' na zona euro acelerouse tras a crise financeira mundial, duplicándose desde 2008, ao pasar de 15 a 31 billóns de euros, mentres que a cota de crédito concedido por estas institucións ás empresas da rexión monetaria pasou de 15% en 2008 a 26% a finais de 2022.

En xeral, os activos do sector financeiro non bancario supoñen agora ao redor de 80% en relación co tamaño do sector bancario na zona euro, sinalou Enria ao respecto do peso destas institucións.

O analista económico subliñou que estas poden ser tamén "unha fonte de inestabilidade financeira", xa que a miúdo combinan desaxustes de vencementos e riscos financeiros sen a mesma regulación que enfrontan os bancos.

Conexión co sector bancario

"As vulnerabilidades de NBFI parecen ir en aumento", recoñeceu o italiano, para quen "isto leva á pregunta de en que medida está exposto o sistema bancario aos riscos provenientes do sector das NBFI" e como a interconexión entre os bancos e estas institucións non bancarias podería actuar como amplificación do risco sistémico.

Comentarios