O BCE advirte da fraxilidade do crecemento económico nunha situación de incerteza

O FMI insta a evitar unha nova Guerra Fría.
Kristina Georgieva e Nadia Calviño, no centro, esta sexta feira en Washington (Foto: FMI).
photo_camera Kristina Georgieva e Nadia Calviño, no centro, esta sexta feira en Washington (Foto: FMI).

As perspectivas de crecemento para a economía melloraron nos últimos meses, mais seguen sendo "fráxiles" no medio dunha persistente incerteza na que os riscos "se inclinan á baixa", segundo advertiu esta sexta feira a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde.

"As tensións elevadas de forma persistente nos mercados financeiros poderían endurecer as condicións crediticias xerais con máis forza do esperado e debilitar a confianza", sinalou na reunión do Comité Monetario e Financeiro Internacional do Fondo Monetario Internacional (FMI).

Neste sentido, reiterou que o BCE está a seguir de perto as tensións actuais do mercado e segue preparado para responder segundo sexa necesario para preservar a estabilidade de prezos e a estabilidade financeira.

Por outro lado, Lagarde lembrou que a guerra en Ucraína segue sendo un risco significativo á baixa para a economía que podería volver facer subir o custo da enerxía e dos alimentos, mentres que o crecemento da zona euro tamén podería verse afectado se a economía mundial se debilitase máis do esperado.

Deste modo, recoñeceu que as perspectivas de recuperación da economía mundial seguen sendo fráxiles no medio da continua incerteza e a posibilidade de que reaparezan as presións nos mercados da enerxía e dos alimentos, o que provocaría picos de prezos e unha maior inflación.

A confrontación ameaza a economía a nivel global

Os Estados deben estar decididos a garantir a seguridade das subministracións, mais sen empuxar ao mundo a unha "segunda Guerra Fría", alertou a directora do FMI, Kristalina Georgieva, no marco das reunións de primavera entre a institución que lidera e o Banco Mundial en Washington.

"Son das persoas que saben cales son as consecuencias dunha Guerra Fría: a perda de talento e de contribución ao mundo", afirmou Georgieva. "Non quero que iso se repita", dixo, á vez que engadiu que é posíbel evitar este escenario.

Para evitar unha segunda Guerra Fría aconsellou "construír un maior entendemento común" sentando a todos "á mesma mesa". En segundo lugar, sinalou, os responsábeis políticos teñen que "defender os intereses" da cidadanía. "Se non somos máis racionais, a xente estará peor en todas partes", culminou a búlgara.

Comentarios