O autoconsumo solar aséntase na Galiza

A instalación de paneis nas cubertas pode cubrir 100% da demanda, segundo un estudo de EDP
Os paneis solares, tanto para auga quente como para enerxía, son cada vez máis frecuentes de ver nas cubertas dos edificios galegos (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Os paneis solares, tanto para auga quente como para enerxía, son cada vez máis frecuentes de ver nas cubertas dos edificios galegos (Foto: Xoán Roberes).

Galiza está cada vez máis enchufada ao autoconsumo. No último ano, o número de instalacións de paneis solares fotovoltaicos  multiplicouse por tres. Das 449 rexistradas en setembro de 2020 pasouse ás 1.616 actuais, mais a cifra segue medrando día a día, sobre todo a raíz do incesante incremento do prezo da enerxía.

A aposta neste tipo de sistemas volveu coller impulso en 2019, cando o Goberno español decidiu mudar o marco xurídico e acabar co coñecido como 'imposto ao sol', unha taxa imposta polo PP de Mariano Raxoi que penalizaba este tipo de instalacións. 

Galiza está aínda lonxe de acadar o volume de instalación que teñen países como Alemaña, con moitas menos horas de luz solarpero onde o autoconsumo está moi estendido. Con todo, o potencial é enorme, segundo destaca un recente estudo da eléctrica Enerxías de Portugal (EDP), que afirma que Galiza ten potencial para cubrir 100% da súa demanda enerxética só coa instalación de paneis solares nas cubertas dos edificios.

En concreto, o documento revela que, dos máis de 900.000 inmóbeis que hai no país, 90% deles teñen superficie útil dabondo para aproveitar as 2.018 horas de sol anuais e reducir así a dependencia das enerxías tradicionais e o seu impacto ambiental. 

E iso se só falamos de edificios e naves industriais, porque no caso das vivendas unifamiliares ─unhas 685.000 na Galiza─ tamén poden sacar proveito desta solución 92% delas. 

Desde o punto de vista ecolóxico, o feito de non depender das enerxías tradicionais suporía deixar de emitir case 2 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, o que equivale a plantar máis de 148 millóns de árbores, 10.575 hectáreas de bosque ou 14.811 campos de fútbol, apuntan desde EDP.

En canto ás cidades, Vigo é a urbe galega onde máis partido se lle pode sacar ao sol. A cidade máis poboada de Galiza podería xerar 613 megawatts-hora (MWh) con enerxía solar, seguida da Coruña (543 megawatts-hora), Santiago de Compostela (229 megawatts-hora), Ourense (megawatts-hora) e Lugo (195 megawatts-hora).

Axudas para a instalación

Por se o aforro enerxético e a diminución da pegada ambiental non fosen suficientes alicientes para apostar nesta tecnoloxía, tanto o Goberno español como a Xunta teñen en marcha diferentes liñas de axudas para fomentar o autoconsumo, ben sexa axudas directas ou asociadas á rehabilitación e mellora enerxética de vivendas. 

Nesta liña, o Goberno galego vén de aprobar unha orde de axudas para autoconsumo por valor de 19,8 millóns de euros dirixida a empresas coa que pretende facerlles aforrar preto de sete millóns de euros ao ano nas súas facturas enerxéticas. 

Xunto a estas axudas existen tamén bonificacións a instalación de placas solares nos Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) e no de Instalacións, Construcións e Obras (ICIO). Estes incentivos dependen de cada concello.

Por último, a aposta no autoconsumo supón unha mellora da certificación enerxética dos edificios nos que se asenta, o que se traduce nun incremento do seu valor no mercado inmobiliario.

Comentarios