Fernando Romero, conselleiro delegado de EiDF Solar

"O autoconsumo é a opción máis eficaz e rendíbel para combater a suba da luz"

EiDF Solar é unha das últimas firmas galegas en dar o salto á Bolsa. A compañía, con sede en Barro, está especializada en autoconsumo solar industrial, unha alternativa pola que cada vez apostan máis empresas na Galiza, e que coa alza no prezo da enerxía está a rexistrar un importante aumento das solicitudes de instalación.
Fernando Romero, conselleiro delegado de EiDF Solar (Foto: Andrea Rodríguez).
photo_camera Fernando Romero, conselleiro delegado de EiDF Solar (Foto: Andrea Rodríguez).

-Moitas persoas pensan que o feito de ter menos días asollados fai que a enerxía solar non sexa rendíbel. É o caso da Galiza?

Para nada. Iso é un falso mito que hai que erradicar. A Galiza ten valores de radiación solar moito máis altos que Alemaña ou o Reino Unido, onde o recurso solar está amplamente explotado. De feito, a Galiza é un dos territorios que máis está a apostar pola enerxía fotovoltaica no conxunto do Estado. 

Segundo datos do Inega (Rexistro Autoconsumo da Galiza), aquí hai instalados actualmente máis de 83,5  MW de autoconsumo. Nos días nubrados os paneis seguen captando a radiación solar, polo que a produción nunca chega a cero. Están deseñados para adaptarse ás variacións do clima e para funcionar con calquera tipo de luz. 

-EiDFSolar está especializada en autoconsumo industrial, é dicir, en producir enerxía a renovábel nas propias empresas para reducir a súa factura eléctrica. Como está a ser a acollida?

O autoconsumo industrial está a ter unha boa implantación, aínda que quedan moitas cubertas de empresas por acoller paneis solares. A Galiza é o territorio no que desenvolvemos un maior número de proxectos. Tamén é certo que é a terra na que estamos asentados e comezamos actividade. Na nosa traxectoria temos case 100 megawatts (MW) en proxectos de autoconsumo na Galiza entre empresas de todos os tamaños e sectores. Hai algúns como o madeireiro ou o de conxelados e frío nos que temos practicamente a cota completa de instalación. 

-Cales son as principais vantaxes de apostar no autoconsumo industrial?

O autoconsumo é a solución de aforro máis eficaz e rendíbel para combater a subida dos prezos da luz e as novas tarifas eléctricas que entraron en vigor en xuño. Os períodos de  tarificación máis altos ─o tramo que vai desde as 10 ás 14 horas), coinciden co período de maior produción solar dunha instalación fotovoltaica. Cos paneis solares falamos dun aforro medio do 40-60% na tarifa eléctrica anual, en función da potencia instalada e consumos da empresa. 

-Como ve o que está a acontecer co mercado da enerxía?

O prezo da luz está disparado e estamos a ser testemuñas do rexistro de novos récords a diario. É preciso dar estabilidade ao sector para non continuar con esta tendencia alcista. O foco debe poñerse na procura de solucións efectivas e de rápida aplicación. O autoconsumo é unha delas. 

-Están a colaborar as administracións para que o autoconsumo sexa cada vez unha realidade máis estendida?

Os plans do Goberno en materia enerxética e os obxectivos marcados no Plan nacional integrado de enerxía e clima contemplan o impulso do autoconsumo, tanto no sector empresarial como no residencial. A fotovoltaica xogará un papel chave no cumprimento das cifras estabelecidas para 2050 para conseguir reducir o volume de emisións á atmosfera e loitar contra as consecuencias do cambio climático.

O Ministerio, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (Idae) aprobou un programa de axudas con 900 millóns de euros para autoconsumo. As axudas serán xestionadas polas propias comunidades ─Galiza terá perto de 40 millóns de euros─ e prevese que as convocatorias se publiquen este mes. As empresas poderán beneficiarse de até 35% de axuda para implantar unha instalación fotovoltaica na súa cuberta ou parcela. No caso de grandes empresas, as axudas abarcarán 15% do investimento.

-A Galiza ten marxe entón para seguir medrando?

A Galiza aínda ten marxe de desenvolvemento en autoconsumo e tamén en xeración fotovoltaica. Temos un bo tecido industrial que pode beneficiarse do autoconsumo. En canto á xeración fotovoltaica, temos varios proxectos para a construción de parques que roldan en conxunto os 6 megawatts (MW).   

-Despois do exitoso debut en Bolsa, cales son os próximos obxectivos de EiDF Solar?

Continuar coa integración vertical de negocio para ofertar un servizo integral en materia fotovoltaica. O autoconsumo seguirá sendo a nosa actividade principal, que complementaremos coa xeración fotovoltaica a través da explotación dos nosos propios parques para comercializar a enerxía xerada entre os nosos clientes por medio dunha comercializadora propia, Prosol Enerxía, que xa conta cos permisos requiridos para operar e que comezará coa súa actividade nas próximas semanas.

Comentarios