Pablo Álvarez, vicepresidente da cooperativa Nosa Enerxía

"As comercializadoras de enerxía van ter problemas coa rebaixa do IVE a 10%"

Os últimos cambios normativos e a incesante suba dos prezos no mercado eléctrico levan a poboación a preocuparse pola enerxía que consumen. Na Galiza, á marxe das grandes eléctricas, existen comercializadoras independentes, como Nosa Enerxía, que, din, miran máis pola xente que polo beneficio económico.

Pablo Álvarez, presidente da cooperativa Nosa Enerxía (Nós Diario).
photo_camera Pablo Álvarez, vicepresidente da cooperativa Nosa Enerxía (Foto: Nós Diario).

-O mercado enerxético anda revolucionado. Como ve os cambios introducidos nos últimos meses polo Goberno español?

Cambiouse o novo sistema pero non se mirou a situación na que quedaba a xente. Foi un cambio brusco e a adaptación está a ser traumática porque a xente non se afai ás novas tarifas, que veñen dunha directiva europea, non dunha ocorrencia do Goberno español. Esa directiva parte dunha filosofía que busca pagar a enerxía polo que vale e deixar de vela como un ben infinito que sempre sobra.

Para quen quere aforrar enerxía esta medida non é tan inxusta. A un grupo de xente pódelle vir ben. Con todo, a filosofía ten imperfeccións. Está pensada para fomentar a instalación de renovábeis, pero despois vas e atopas moitos atrancos, por exemplo as comunidades enerxéticas, que a regulación aínda non vai. No autoconsumo as distribuidoras non están habilitando as conexións... Sempre hai intereses detrás.

-Falamos do oligopolio enerxético?

A Administración, o oligopolio e os actores de sempre non están a facilitar a opción máis óptima. Pódese facer, pero non interesa.

Cada ano as eléctricas dan beneficios e, aínda que o Goberno interveña para regular o mercado, elas buscan un apaño que o vai evitar. Pasa por exemplo coa rebaixa do IVE a 10%. Elas (as eléctricas) xa o recuperarán por outra parte... Nosa Enerxía non ten a forza do grande oligopolio. Por iso, dentro das nosas posibilidades e coas ferramentas que temos, tratamos de buscarlle a mellor solución posíbel en materia enerxética ás persoas socias.

-Como lles están a afectar estas modificacións normativas?

Agora, coas novas tarifas e a rebaixa do IVE, estanos afectando á tesourería. Hai que ter en conta que o Goberno baixou o IVE a 10%, pero nós temos que seguir pagando 21% ás distribuidoras, entón hai un desfase que, até o ano que vén que nos devolvan o IVE, estamos pagando de máis. Nós temos excedente, pero haberá outras comercializadoras que van ter problemas.

-Que ofrece Nosa Enerxía ás persoas consumidoras?

Na cooperativa sempre estamos a buscar o mellor prezo posíbel. A nosa xente de mercado fai compras a futuro. Estamos agora cunhas previsións de 85 euros megawatt, polo que podemos ser competitivos en prezos. Tamén estamos a buscar fórmulas de facturación que beneficien as persoas socias. Modelos indexados, algunha tarifa plana... Non hai tampouco unha variña máxica que dea cunha ideal. Outros dos eidos de acción pasan por fomentar o autoconsumo, que é a forma máis directa de conseguir aforros. Con todo isto queremos reforzar a soberanía enerxética e empoderar as persoas socias que, no noso caso, non son só clientas, senón unha persoa consumidora copropietaria da súa compañía enerxética.

-Que vantaxes ofrece o feito de ser unha cooperativa?

Ademais de vender a enerxía, temos unha área de acción social que mira polo coidado do medio ambiente e da sociedade e loita contra a pobreza enerxética. Queremos ser un actor que lle bote unha man a entidades ecoloxistas e sociais que tamén forman parte da nosa cooperativa, na que só hai unha persoa como traballadora, o resto somos voluntarias. Esa acción social é a alma da cooperativa. Se lla quitas, sería unha comercializadora máis. 

A acción social é a alma da cooperativa. Se lla quitas, sería unha comercializadora máis

-Cales son os seguintes pasos?

Agora somos 950 persoas socias, entre as que figuran Concellos, pequenas consumidoras, asociacións e empresas, e temos 1.038 contratos. O obxectivo é seguir medrando en masa social. Canta máis xente se sume ao modelo de Nosa Enerxía, mellor, porque máis capacidade teremos para mudar as cousas. 

Un dos eixos é facilitar o acceso das persoas socias a solucións de autoconsumo de modo que poidan pagar menos polos equipos, xa sexa con facilidades de pagamento ou compras centralizadas. Desta forma poderíamos abaratar o prezo da luz, xa que canta máis enerxía xeremos nós, menos teremos que comprar no mercado. Ademais, empregando as cubertas das nosas socias evitamos levantar instalacións de renovábeis no medio natural.

-Que opina da proposta de creación dunha empresa pública para abaratar o recibo da luz?

A idea de crear unha empresa pública é respectábel, o problema é quen xestiona o público. Neste senso, desde Nosa Enerxía preferimos apostar no modelo cooperativista, xa que é unha maneira de participación activa da cidadanía libre que non está suxeita aos intereses do público nin aos do capital privado.

Comentarios