Xustiza

Sentenza pioneira: só os mexillóns con denominación de orixe poden facer referencia á Galiza

A Audiencia da Coruña estima que as latas de mexillóns alleas á DOP con referencias ao país infrinxen a súa exclusiva.
Unha lata de mexillóns. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha lata de mexillóns. (Foto: Nós Diario)

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña declara que as referencias á Galiza en latas de mexillóns alleas á Denominación de Orixe Protexida (DOP) infrinxen o seu dereito de exclusiva. Así o vén de decretar nunha sentenza na que estima parcialmente a demanda interposta polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia contra unha empresa, de forma que revoga a desestimación en primeira instancia dun xulgado do mercantil coruñés.

A Sala declara neste veredicto que o emprego da indicación "De las Rías Gallegas" nos envases de conservas de mexillón, así como outras referencias á Galiza na oferta e comercialización de mexillóns por parte da demandada, infrinxe por evocación o dereito de exclusiva que a titularidade da denominación de orixe confire, e incorre na conduta prohibida prevista no apartado b) do parágrafo 1 do artigo 13 do Regulamento comunitario 1151/2012.

Por iso, os xuíces condenan a entidade demandada a cesar no uso infractor descrito e a retirar do tráfico económico os produtos, embalaxes, material publicitario ou calquera outro documento comercial da súa propiedade ou baixo o seu control no que se materializase a citada infracción.

O tribunal explica na resolución que o apartado relativo aos mexillóns en conserva que elabora e comercializa a demandada encabézase na súa páxina web co texto —en castelán—: "Só o mexillón galego de Arousa (Mytilus galloprovincialis) que crece nos viveiros propiedade destes conserveiros é o que se utiliza para elaborar as delicatessen da casa".

A Audiencia asegura que se trata dunha "evocación da calidade e o esforzo que a denominación de orixe Mexillón de Galicia ampara en beneficio dos produtores comprometidos con ela e dos consumidores que confían no valor informativo que a denominación protexida encerra". Por iso, afirma que a empresa demandada vulnera a normativa vixente.

A Sala concreta que a conduta infractora é a "consistente en comercializar como mexillóns da Galiza os non amparados pola DOP, aínda cando procedan dun produtor que, como é o caso do demandado, está radicado na mesma zona xeográfica que acouta o Regulamento da DOP". A sentenza non é firme aínda, pois contra ela cabe presentar recurso de casación diante do Tribunal Supremo.

Comentarios