Xustiza

O TSXG rexeita varios recursos do sector mexilloeiro contra o plan de xestión do percebe

O tribunal avala a proposta de xestión do Goberno galego.

Os percebeiros reclaman a  protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).
photo_camera Os percebeiros reclaman a protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).

A Sección Segunda do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou varios recursos do sector mexilloeiro contra o plan de xestión do percebe da Consellaría do Mar e as zonas de extracción de mexilla (incluído nos plans de xestión para recursos específicos e algas da Galiza para o trienio 2022-2024).

Nestas resolucións (que responden a recursos de asociacións de bateeiros como Amegal, Amegrove e Femex) a Sala avala os plans de xestión do Goberno galego no marco da crise da mexilla aberta entre mexilloeiros e percebeiros.

Deste xeito, o TSXG avala as zonas protexidas para o percebe que denunciaron no seu día os mexilloeiros polas limitacións á extracción de mexilla (semente de mexillón). Contra estas resolucións pode presentarse recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Con todo, nunha da sentenzas recóllese un voto particular dun dos xuíces, entre outras cuestións, pola omisión de trámite de consulta previa ao sector mexilloeiro, así como pola necesidade e proporcionalidade da medida de limitación de extracción de mexilla.

Conflito enquistado desde 2019

O problema derivado da disputa entre o sector bateeiro e o percebeiro pola extracción dos recursos nas rochas do litoral leva enquistado desde que en novembro de 2019 foi aprobado un novo decreto para regular a recollida de mexilla, o que unido á escaseza do recurso provocou preocupación no sector, que desde aquel momento exixe solucións á conselleira.

Neste contexto, produciuse unha colisión de intereses entre os dous colectivos ao bater a extracción de mexilla co plan de explotación do percebe. Alén diso, mentres que o sector percebeiro alega que, ao contrario que o bateeiro, non pode recorrer a criadeiros, o colectivo mexilloeiro denuncia que os métodos extractivos do percebe prexudican as rochas e rematan coa semente que precisan.

Desde o outro punto de vista do conflito, o dos percebeiros, compártense as críticas ao Goberno galego, mais no sentido oposto, ante o que consideran unha "chapuza política", na que, afirman, a Consellaría "primou o poderío económico por riba do colectivo máis débil e formado na súa modalidade de a pé maioritariamente por mulleres". Cualifícano de "baixada de pantalóns".

Comentarios