Apagada eléctrica e cazolada na Galiza, Euskadi e Catalunya contra a suba da luz

Os partidos políticos BNG, Bildu, ERC, CUP, Junts, Més per Mallorca e Menorca denuncian o impacto económico da suba da luz. Todos estiveron detrás desta convocatoria reivindicativa que decorreu ao tempo nos tres países.
Galiza, Euskadi e Catalunya, contra a tarifa eléctrica. (Foto: Nós Diario) #protesta #luz #factura #galiza #euskadi #catalunya
photo_camera Galiza, Euskadi e Catalunya, contra a tarifa eléctrica. (Foto: Nós Diario)

A escuras e batendo testos mais cazolas. Galiza, Euskal Herria e Països Catalans protestaron esta sexta feira durante media hora, entre as 22 e as 22.30 horas, contra a suba dos prezos da luz, convocadas por diversas organizacións políticas do ámbito soberanista dos tres territorios.

'Desconecta as eléctricas' foi o lema por BNG, Bildu, ERC, CUP, Junts, Més per Mallorca e Més per Menorca para sinalar un incremento da factura eléctrica que está a causar un grave impacto económico e social.

"Trátase de reivindicar avances cara á soberanía enerxética nas nosas nacións e, por tanto, para contar con instrumentos políticos propios que nos permitan intervir no mercado, sermos donos da nosa auga e do noso vento, e poder plantar cara ao oligopolio eléctrico", reafirmaron fontes do Bloque Nacionalista Galego, parte desta acción simbólica e defensor dunha tarifa eléctrica propia que recoñeza o rol da Galiza como país produtor, que compense os custos sociais e ambientais da xeración de electricidade.

Ademais do BNG, e das forzas políticas que asinaron a Declaración de Llotja de Mar, nos últimos días sumáronse á convocatoria entidades sociais vinculadas, tamén, co soberanismo.

Intervir desde o público

"Foron eles, os partidos que gobernaron o Estado español, o PSOE e o PP, o PP e o PSOE, quen privatizaron, venderon e desmantelaron as empresas públicas", desregulando o sistema e deixándoo en mans do 'mercado'".

Neste sentido, denuncian que son eses propios partidos "os que controlan e manipulan desde os Consellos de Administración que ocupan non poucos ex presidentes e ex ministros e ex ministra. Todos compartindo un único obxectivo: enriquecerse á conta dun ben esencial como a enerxía", advirten as forzas políticas convocantes.

Ante esta situación, consideran que desde a Galiza, os Países Cataláns e Euskal Herria é necesaria "unha fronte común contra o oligopolio das eléctricas e as súas ameazas, así como para denunciar a inacción do Goberno español á hora de afrontar a estafa eléctrica de maneira estrutural".

"A nosa dependencia política do Estado español é unha rémora para protexer as nosas cidadanías dos abusos que cometen as empresas enerxéticas. Impídenos marcar prezos máximos, intervir e controlar desde o público, crear tarifas propias, regulacións propias e, por tanto, solucións propias", advertiron as entidades convocantes.

Comentarios