Lume á "estafa da luz"

Centos de persoas participan na "queima pública" de facturas, contra a "estafa da luz" e por unha tarifa galega, convocada polo sindicato CIG.
queima_luz_facturas
photo_camera Queima simbólica de facturas da luz, este domingo na Coruña (Foto: Nós Diario)

Centos de persoas participaron este domingo nas mobilizacións convocadas pola CIG en 24 concellos do país en contra da "estafa da luz" e para reclamar a recuperación das centrais hidroeléctricas, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega e que se recoñeza a enerxía como un dereito universal. Nesta segunda xeira de protestas contra "a alza imparábel do prezo da luz" e "a inacción dos Gobernos", fíxose unha queima simbólica de facturas.

Trátase, segundo sinalaron desde o sindicato, dunha "reivindicación contra unhas eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan a clase traballadora á pobreza enerxética".

O seu secretario xeral, Paulo Carril, que participou na concentración da Coruña, explicou que con esta xornada de mobilizacións se quere exixir aos Gobernos políticas que poñan freo "á escalada imparábel" da factura eléctrica, "que cada vez está a facer máis estragos no conxunto da clase traballadora e da actividade económica e industrial". 

Mobilizacións, lembrou Carril, que chegan tras a prohibición da manifestación que a CIG tiña convocada na sexta feira con motivo da intervención do presidente de Iberdrola no Foro da Toxa. "Máis unha vez comprobamos como se nos quere silenciar á hora de denunciar a falta de medidas por parte dos Gobernos para frear a alza da luz", criticou.

Neste sentido, Carril advertiu que "á nula actuación" da Xunta para pór freo á "impunidade" coa que actúan as eléctricas, súmase a "insuficiencia" nas medidas tomadas polo Goberno español "que non están na dirección que permita de forma inmediata garantir uns prezos xustos da enerxía, tendo en conta que este é un ben de consumo de primeira necesidade para o benestar social, para a actividade económica e para actividade industrial".

O dirixente sindical denunciou que "todos os Gobernos son culpábeis da actual regulación do sistema eléctrico" e que no contexto da transición enerxética, "comprobamos como perpetúan esta estafa, regulando e financiando a entrada de cheo que neste proceso están a ter a eléctricas".

Exportación enerxética galega

Para Carril, é "grave" que suceda no conxunto do Estado, mais "en Galiza resulta imperdoábel". "O Goberno galego, para ser digno de tal nome, debera de ser quen dese respostas no camiño de pór a enerxía ao servizo do pobo e apoiar a creación dunha tarifa eléctrica galega", aseverou.

Lembrou que Galiza exporta unha media do 30% da enerxía que xera, "como consecuencia de decisións políticas que fixeron do noso país un territorio especializado na produción eléctrica, con enormes custos sociais e ambientais, mais sen que poidamos tirar proveito de ningún tipo desta actividade". 

Ao contrario ─dixo─ "a desertización industrial e a emigración son exemplos que vivimos, cada vez, con máis frecuencia. É un delito que en Galiza haxa pobreza enerxética nas casas e que polos altos prezos da electricidade pechen empresas".

E engadiu que, no actual "proceso de colonización enerxética de Galiza", aos macroparques eólicos que "ameazan" os nosos montes e terras, súmase a "destrución de ríos e terras produtivas polo gran número de centrais hidroeléctricas que temos". "E para máis colmo de desgrazas, róubasenos o dereito a poder vivir da industria eólica, como estamos a ver coa ameza do ERE de Vestas", sinalou.

ILP

Por último, o secretario xeral da CIG subliñou que esta situación ten culpábeis directos "que son, en primeiro lugar o Goberno galego, mais tamén o Goberno español, pois a ausencia de políticas públicas lévanos a que en Galiza nin teñamos a luz máis barata nin tampouco desenvolvemento industrial, xa que non se obriga as empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación".

Neste sentido, a CIG propuxo varias iniciativas nos últimos anos, como demanda solucións como as que leva anos reclamando a través de diferentes ILP (iniciativa lexislativa popula), como a da Tarifa Eléctrica Galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas, ou as propostas para dar solución á industria electrointensiva. Tamén, a través das alegacións á recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, e das propostas presentadas en 2020 para "unha saída galega xusta da crise".

Comentarios