"Apagón" e cazolada contra a suba do prezo da luz na Galiza, Euskal Herria e Catalunya

As entidades convocantes desta protesta polo incremento da factura da electricidade son BNG, Bildu, ERC, CUP, Junts, Més per Mallorca e Menorca. Con esta acción queren denunciar o "impacto económico e social" que ten o encarecemento dun servizo básico como é a luz. "Desconecta as eléctricas" é o lema escollido para secundar a reivindicación desta sexta feira ás 22 horas.
O apagón decorrerá a próxima sexta feira, de 22 a 22.30 horas. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O apagón decorrerá a próxima sexta feira, de 22 a 22.30 horas. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Diversas organizacións políticas do campo soberanista da Galiza, Países Cataláns e Euskal Herria promoven a próxima sexta feira, 8 de outubro, entre as 22 horas e as 22.30 horas, un "apagón" eléctrico masivo e unha cazolada nas tres nacións. Fano diante do aumento da tarifa da luz e para denunciar o seu impacto económico e social.

“Desconecta as eléctricas” é o lema escollido para a convocatoria desta acción simbólica, da que tomará parte o BNG, tal e como aprobou a súa Executiva Nacional.

“Trátase de reivindicar avances cara á soberanía enerxética nas nosas nacións e, por tanto, para contar con instrumentos políticos propios que nos permitan intervir no mercado, sermos donos da nosa auga e do noso vento, e poder plantar cara ao oligopolio eléctrico”, sinalan fontes da organización nacionalista, que reivindicou nos últimos anos unha tarifa eléctrica galega que recoñeza o rol da Galiza como país produtor e compense os custos sociais e ambientais da xeración de electricidade.

Ademais do BNG, promoven a iniciativa as forzas políticas que asinaron a Declaración de Llotja de Mar, isto é, EH Bildu, ERC, Junts per Catalunya, a CUP, Més per Mallorca e Més per Menorca e prevese que, nos próximos días, se adhiran á convocatoria entidades sociais vinculadas co movemento soberanista.

"Foron eles, os partidos que gobernaron o Estado español, o PSOE e o PP, o PP e o PSOE, quen privatizaron, venderon e desmantelaron as empresas públicas, desregulando o sistema e deixándoo en mans do ‘mercado’.

Mercado que eles mesmos controlan e manipulan desde os Consellos de Administración que ocupan non poucos ex presidentes e ex ministros e  ex ministras de ambos os partidos. Todos compartindo un único obxectivo: enriquecerse á conta dun ben esencial como a enerxía", advirten as forzas políticas convocantes.

Ante esta situación, consideran que desde a Galiza, os Países Cataláns e Euskal Herria é necesaria “unha fronte común contra o oligopolio das eléctricas e as súas ameazas, así como para denunciar a  inacción do Goberno español á hora de afrontar a estafa eléctrica de maneira estrutural”.

“A nosa dependencia política do Estado español é unha rémora para protexer as nosas cidadanías dos abusos que cometen as empresas enerxéticas. Impídenos marcar prezos máximos, intervir e controlar desde o público, crear tarifas propias, regulacións propias e, por tanto, solucións propias", advirten os convocantes.

Comentarios