A AP-9 comeza hoxe a última prórroga da concesión, até 2048

A UE investiga a ampliación aprobada polo PP.
Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).

A última prórroga da concesión da autoestrada AP-9, a que aprobou o Goberno de Aznar en 2000, entrará en vigor a partir de hoxe, data na que debería terminar, ampliada previamente polo PSOE desde 2013 a 2023, e comezará a contar nese momento o prazo de 25 anos adicionais validado polo entón ministro Rafael Arias Salgado, até 2048. Neste escenario, a Autoestrada do Atlántico, principal vía que vertebra o territorio galego, segue sendo obxecto de debate, especialmente despois de que, tras a convocatoria electoral de xullo, o proceso de transferencia á Galiza quedase sen completar. 

Por outra parte, a última  ampliación da prórroga está a ser investigada pola Comisión Europea que, en setembro de 2021 anunciou a apertura de expediente ao Estado español por ese período de explotación extra, sen convocar unha licitación pública. Bruxelas emprazou as autoridades españolas a garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, por considerar que non se cumpriron as súas obrigas.

A día de hoxe, a Comisión aínda non ditaminou, algo que para a asociación galega En Colectivo que presentou en xullo de 2020 unha denuncia ante a institución europea, indica que "se está facendo unha investigación en profundidade".

Desde a concesionaria, Audasa, pola súa parte, anunciaron no seu momento que, se ese procedemento de infracción acababa coa fin da concesión, reclamaría ser compensada con máis de 1.000 millóns de euros. 

Posición política

A principios deste ano, e en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, o Goberno español limitouse a constatar que, en tanto que a UE non anule a prórroga da concesión, a obriga legal é cumprir o aprobado. Precisamente, esta semana, o BNG lembrou que, se non fose pola prórroga aprobada polo PP, desde hoxe a autoestrada "sería gratuíta". 

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, incidiu en que "o auténtico problema para a Galiza con respecto á AP-9 ten nome propio exclusivo, o do PPdeG". 

Por parte desta última formación, o seu portavoz de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, asegurou que o PP fará "todo o posíbel para que a transferencia se materialice".

Comentarios