Greenalia subsministrará 45% da enerxía de Alcoa mais condiciona o acordo aos novos parques eólicos

A factoría de aluminio reabrirá, se se cumpren os compromisos, en 2024. Aínda quedaría pendente de resolver a obtención do 55% restante da enerxía que precisa a planta de Cervo.
Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo, o pasado decembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa Corporation e Greenalia anunciaron esta quinta feira a sinatura dun contrato de subministración de enerxía renovábel de cara á reapertura da factoría de aluminio primario de San Cibrao, en Cervo, prevista para 2024.

Segundo informaron ambas as dúas compañías, o acordo de compra de enerxía a longo prazo está condicionado ao proceso de autorización dos parques eólicos que a enerxética ten na actualidade en diferentes fases de tramitación.

Para asumir este compromiso, en prazo e cantidade de enerxía a fornecer, Greenalia seleccionou 29 proxectos, todos eles na Galicia, cunha capacidade total de 924 megawatts. As instalacións que darían servizo foron designadas tendo en conta nós de evacuación, "o cal limita o impacto ambiental e os tempos de posta en marcha".

En palabras do CEO de Greenalia, Manuel García, "a firma deste PPA constitúe un novo fito na traxectoria da compañía, especialmente polo que significa na contribución á mellora da competitividade da industria na Galiza" e, en consecuencia, "para o futuro de tantos postos de traballo".

A subministración está previsto que comece en 2024 e se estenda até 2033. Alcoa explica que como consecuencia dos "prezos exorbitantes" da enerxía produciuse a parada anunciada en decembro de 2021, un tempo no que, engade, están a traballar para "asegurar acordos de compra de enerxía e realizar melloras para preparar a planta" para o reinicio da electrólise.

"Este contrato de enerxía é un paso moi importante para a viabilidade a longo prazo da planta de aluminio", manifestou o vicepresidente global de Enerxía en Alcoa e presidente da sociedade no Estado español, Álvaro Dorado Baselga, quen engadiu que buscan "cumprir os compromisos cos representantes dos traballadores", se ben advirtiu que "o compromiso do Goberno no desenvolvemento do marco enerxético segue a ser vital".

A previsión é que este acordo proporcione até 183 megawatts de enerxía en carga base á planta de aluminio, o que supón 45% da enerxía requirida para a capacidade máxima da planta de aluminio primario, de 228.000 toneladas ao ano. As condicións de prezo do contrato son confidenciais.

Pendentes do restante 55%

Precisamente, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, manifestou a súa esperanza de que poidan fecharse esta semana os acordos para a subministración de enerxía con Greenalia e Capital Energy. Indicou que remataría o prazo este venres, mentres que con Endesa sería o 30 de xuño.

"Todo isto leva uns trámites xurídicos e administrativos. Se finalmente chegan a asinar unha PPA [acordo de compravenda de enerxía, polas súas siglas en inglés] este 20 de maio sería unha boa noticia, xa que aseguraría a operación a longo prazo porque este tipo de parques eólicos son a dez anos e poden ser máis anos", explicou este sindicalista.

O próximo 2 de xuño haberá unha nova reunión da comisión de seguimento da factoría de Cervo no Ministerio de Industria.

Comentarios